BNG COSTA DA MORTE

O BNG reclama á Xunta facer efectivo en 2025 o rescate da autovía AG-55

Rolda de prensa en Carballo de representantes do BNG 14-01-25
Rolda de prensa en Carballo de representantes do BNG 14-01-25
Os deputados Daniel Pérez e Oscar Insua defenden unha iniciativa no Parlamento galego para rematar coa discriminación das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte con respecto a outras zonas do país nas que as persoas usuarias non pagan peaxe nas autovías autonómicas
O BNG reclama á Xunta facer efectivo en 2025 o rescate da autovía AG-55

Carballo, 14 de xaneiro de 2025. O BNG de Bergantiños e da Costa da Morte, a través dos deputados Daniel Pérez e Oscar Insua, reclamará no Parlamento galego á Xunta de Galiza iniciar os trámites para o rescate da autovía AG 55 (A Coruña-Carballo), de maneira que se poida facer efectivo no ano 2025 e así rematar coa discriminación destas zonas con respecto a outras comarcas do país nas que as persoas usuarias non pagan peaxe nas autovías autonómicas.  


Os deputados nacionalistas, acompañados dos responsábeis comarcais do BNG de Bergantiños e da Costa da Morte, Xosé Manuel Pose e Xurxo Rodríguez, explicaron este martes 14 de xaneiro en rolda de prensa en Carballo que defenderán esta iniciativa na Comisión 3ª do Parlamento este xoves 16, e lembraron que en outubro de 2024 o Consello da Xunta acordou recuperar a concesión de catro autoestradas: a do Salnés, a de Barbanza, Ourense -Celanova e a de Santiago-Brión. Todas elas con peaxe na sombra. 


"A decisión anunciada polo Goberno galego a respecto destas catro autovías constitúe pois, un agravio comparativo coas nosas bisbarras, porque excluír a AG-55 do rescate supón manter unha peaxe inxusta e inxustificada para as persoas usuarias", subliñaron Pérez e Insua, que insistiron en que dita situación "lastra gravemente o desenvolvemento económico e social das comarcas de Bergantiños e a Costa da Morte". 


Demanda histórica
Os representantes nacionalistas subliñaron que a gratuidade da autovía AG-55 “é unha demanda histórica do BNG, e constitúe o único caso dunha infraestrutura que naceu gratuíta para logo converterse de peaxe”, e indicaron que a partir deste mes impulsarán unha ofensiva parlamentaria para pedir a licitación das obras para o remate da autovía ata Cee. 


Daniel Pérez e Oscar Insua anunciaron tamén que o BNG comezará unha campaña nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte relativa á autovía e ao transporte público, tanto a nivel institucional con iniciativas no Parlamento como a nivel social con diversas mobilizacións. 

O BNG reclama á Xunta facer efectivo en 2025 o rescate da autovía AG-55