BNG CEE

O BNG de Cee denuncia que “o PP amosa a súa verdadeira faciana” por rexeitar todas as súas emendas aos orzamentos para a localidade

Serxio 4
Serxio Domínguez, voceiro do BNG de Cee

O voceiro municipal, Serxio Domínguez, manifesta que “unha vez mais, e van moitas, o PP ignora as necesidades dos e das ceenses; para eles son obrigas por seren da súa competencia, e Cee queda orfa de inversións nos orzamentos recentemente aprobados”

O BNG de Cee denuncia que “o PP amosa a súa verdadeira faciana” por rexeitar todas as súas emendas aos orzamentos para a localidade
Cee, 25 de decembro de 2024. O BNG de Cee denunciou que “unha vez máis, o PP amosa a súa verdadeira faciana”, logo de que os populares rexeitasen no Parlamento galego todas as emendas nacionalistas aos orzamentos da Xunta que propoñían melloras para a localidade ceense.

O voceiro municipal do BNG, Serxio Domínguez Louro, afirmou que “unha vez mais, e van moitas, o Partido Popular ignora as necesidades dos e das ceenses; para eles son obrigas por seren da súa competencia, e Cee queda orfa de inversións nos orzamentos recentemente aprobados”.  

Domínguez Louro explicou que unha das propostas máis importantes era a de aproveitar o solar do centro médico para construír un novo, e á súa vez un centro de día. “O centro de saúde podería ter dúas ou tres plantas, e serviría para dotar de máis servizos”, sinalou Domínguez, que recalcou que “edificios desas características xa existen noutros lugares desde hai tempo”.

A formación nacionalista propuxo ademais a mellora da seguridade viaria e servizos nas avenidas de Fisterra e de Fernando Blanco,  centrada en estabelecer pasos de peóns, así como a construción dunha base de loita contra a contaminación mariña no porto de Brens, que de realizarse contaría cunha inversión de 2 millóns de euros.

Desde o BNG de Cee fan mención especial para o hospital de Cee, que dentro da área sanitaria da Coruña “segue minguando día a día a súa capacidade de dar resposta  e servizo ás necesidades da comarca por falta de persoal e de especialidades ás que séguese tendo que ir ao Chuac”.

O saneamento integral da ría, dentro da Estratexia Galega da Auga 2030, a conexión do peirao de Brens co polígono empresarial de Cee, e a elaboración dun plan de prevención de incendios do Concello foron outras das emendas do BNG que o Partido Popular votou en contra no Parlamento.

O BNG de Cee denuncia que “o PP amosa a súa verdadeira faciana” por rexeitar todas as súas emendas aos orzamentos para a localidade