BNG MUXÍA

O BNG de Muxía reclama recoñecemento oficial para o lugar de Tralapedra, na parroquia de San Martiño de Ozón

Tralapedra
Tralapedra

A voceira da formación nacionalista, Mercé Barrientos,  sinalou que “entre o BNG e a veciñanza decidimos, para axilizar os trámites, enviar esta petición a través dunha mediática Carta aos Reis Magos de Muxía”

O BNG de Muxía reclama recoñecemento oficial para o lugar de Tralapedra, na parroquia de San Martiño de Ozón

Muxía, 27 de decembro de 2024. O BNG de Muxía vén de reclamar que o lugar de Tralapedra, na parroquia de San Martiño de Ozón, teña recoñecemento oficial, posto que “aínda non consta no padrón municipal a pesar de existir desde tempos inmemoriais”. Os nacionalistas recollen a demanda da veciñanza da aldea, “cuxa existencia non pode ser negada, pois consta no DNI dalgún veciño e mesmo está sinalizada cun indicador oficial no cruce da estrada AC-440”, e subliñan que os seus habitantes levan anos tentando sen éxito ser incluídos no padrón.

“O trámite non debería de supor ningunha complicación, segundo indicaron fontes municipais, mais o caso é que o ansiado recoñecemento non chegou polo de agora”, sinalou a voceira da formación nacionalista, Mercé Barrientos, que explicou que “entre o BNG e a veciñanza decidimos, para axilizar os trámites, enviar esta petición a través dunha mediática Carta aos Reis Magos de Muxía, que de seguro terán a ben conceder o desexo e o dereito dos veciños de Tralapedra a que se recoñeza o seu fermoso lugar de nacemento e residencia”.

Barrientos destacou que a toponimia e microtoponimia “son elementos senlleiros do noso rico patrimonio cultural que debe de recibir unha atención axeitada para que se conserve e se transmita, e actualmente a microtoponimia está esmorecendo por falta de recoñecemento e coidado, mais isto pode e debe de repararse”. Ademais, salientou que “o recoñecemento da existencia de Tralapedra non fai mal a ninguén, así que agardamos que o asunto se resolva canto antes mediante a mediación dos Reis ou, no seu caso, do pleno municipal; a veciñanza de Tralapedra recibirá así un fermoso agasallo que levan tempo agardando”.

 

Lugar de Tralapedra, en San Martiño de Ozón
Lugar de Tralapedra, en San Martiño de Ozón

Tralapedra: núcleo diferenciado

Tralapedra é un núcleo de poboación diferenciado, aldea con catro casas das que tres permanecen habitadas. De alí son, entre outros veciños, Sonia, Fructuoso e Claudino. Este último é un auténtico coidador da contorna e dos bosques do seu lugar, que mantén impolutos cunha grande dedicación. Claudino atesoura ademais elementos etnográficos do agro galego gardados no adro e no cabanel da súa casa, a Casa do Ferrío. Leva anos reclamando que se recoñeza a existencia do lugar e que lle deixen de chegar cartas do concello nas que se asimila o seu domicilio, en Tralapedra, a unha poboación máis grande que está preto, Castelo. Claudino nega, “con toda a razón”, que residira nunca nese lugar.

O BNG de Muxía reclama recoñecemento oficial para o lugar de Tralapedra, na parroquia de San Martiño de Ozón