BNG VIMIANZO
O BNG de Vimianzo denuncia que a alcaldesa fai uso partidista dun boletín municipal
Benxamín Queiro manifestou que “este folleto propagandístico non ten outro obxectivo que facer propaganda ao goberno municipal, e os fondos públicos usados para o boletín municipal poderían ser invertidos noutras cuestións máis necesarias para a veciñanza”
Vimianzo, 23 de decembro de 2024. O BNG de Vimianzo denunciou o uso partidista dun boletín de información municipal, publicado neste mes de decembro, por parte da alcaldesa Mónica Rodríguez, ademais de criticar o “despilfarro” que supón para as arcas municipais. Os nacionalistas sinalaron que hai partes da publicación que poden vulnerar a lei 29/2005 de publicidade e propaganda institucional, que prohibe expresamente financiar con cartos públicos calquera publicación con contidos deliberadamente orientados a exaltar ao grupo de goberno.
O voceiro do BNG vimiancés, Benxamín Queiro, manifestou que “este folleto propagandístico, ademais de supoñer un gasto innecesario e que ningún veciño ou veciña ten demandado, non ten outro obxectivo que facer propaganda ao goberno municipal”, e sinalou que “os fondos públicos usados para o boletín municipal poderían ser invertidos noutras cuestións máis necesarias para a veciñanza”.
Queiro insistiu en que “desde o BNG condenamos enerxicamente este acto de despilfarro do diñeiro de todos e todas, ao tempo que tachamos de intolerable esta actuación por parte da rexedora municipal”.
Así mesmo, o portavoz de grupo nacionalista lembrou que os grupos políticos municipais reciben mensualmente unha cantidade que poden empregar para o fin que estimen oportuno. “Instamos á alcaldesa a que, se desexa facerse publicidade e autobombo, o faga cos cartos do seu partido e non cos de todos os veciños e veciñas”, concluíu.