BNG CORCUBIÓN

O BNG de Corcubión remodela a equipa de goberno municipal a metade de mandato

Drok, Pili e Cristino
O alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, cos novos concelleiros Pilar Tubío e Juan Carlos Cristino
María do Pilar Tubío e Juan Carlos Cristino serán os novos edís que substitúan a María Bella e Lois Lado, que xa anunciaran ao BNG hai meses a necesidade de renunciar ás súas actas.
O BNG de Corcubión remodela a equipa de goberno municipal a metade de mandato

Corcubión, 1 de febreiro de 2025. O BNG de Corcubión vén de anunciar unha remodelación no equipo de goberno municipal cando vai transcorrido a metade do mandato. Tanto a actual concelleira de Cultura, Benestar, Igualdade e Muller, María Bella, como o edil de Obras, Servizos e Persoal, Lois Lado, farán efectiva a súa renuncia no pleno que se celebrará o 4 de febreiro. 

En ambos casos, os até agora gobernantes hai tempo solicitaran deixar os seus cargos, indicando diversas circunstancias que facían difícil desempeñalos. No caso de María Bella, precisaba máis tempo para dedicarlle a súa ocupación laboral de produción cultural, e pola súa parte Lois Lado ten previsto cambiar de residencia temporalmente. Para substituír aos concelleiros que deixan o executivo corcubionés, entran con moito ánimo para seguir impulsando a equipa de goberno María do Pilar Tubío, que pasará a levar as áreas de Benestar, Muller e Igualdade; e Juan Carlos Cristino, que se encargará de Cultura e Deportes.

Tanto Tubío como Cristino entrarán nun goberno local no que continúan Francisco Santiago como responsábel de Urbanismo e Medio Ambiente, e o alcalde Francisco Xabier Domínguez, que valorou a remodelación do seu equipo coma “un plus de enerxía para darlle máis impulso ao traballo que xa vimos realizando desde que asumimos o goberno municipal. Aproveito para agradecer o grandísimo traballo e esforzo tanto de María como Lois nestes dous anos de intensa dedicación”. 

O rexedor corcubionés manifestou que “ante as circunstancias que fan que teñan que renunciar María Bella e Lois Lado, afrontamos unha renovación que nos fará máis fortes para loitar polos obxectivos marcados e para seguir loitando por un Corcubión mellor e máis próspero para toda a veciñanza”.

O BNG de Corcubión remodela a equipa de goberno municipal a metade de mandato