BNG MUXÍA
O BNG de Muxía esixe que se dea información á veciñanza ante a normativa de franxas de protección contra incendios

Muxía, 27 de xaneiro de 2025. O BNG de Muxía vén de anunciar que levarán unha moción para debater no vindeiro Pleno da Corporación na que esixe ás autoridades que se dea información e asesoramento efectivo á veciñanza sobre a aplicación das normativas reguladoras das marxes de protección contra incendios primarias, secundarias e terciarias, para evitar que reciban sancións ou que descoñezan que poden repoboar con outras especies estas franxas, así como contemplar nos próximos orzamentos municipais unha partida para subvencionar os gastos de limpeza e repoboación con especies autóctonas deses espazos contra incendios, empregando os fondos de compensación ambiental para financiar estas actuacións.
Os nacionalistas sinalaron que se trata dunha lei autonómica de obrigado cumprimento, tal e como indica unha instrución da Consellería de Medio Rural publicada no DOG en maio de 2018, e lembraron que en 2019 o grupo municipal do BNG impulsou unha iniciativa no pleno na mesma liña que a que presenta agora, e que foi aprobada por unanimidade pero o Concello non fixo nada ao respecto.
“O que queremos é que se axude aos veciños e veciñas, tanto dándolles orientacións e aclarándolles dúbidas como facilitándolles especies que poidan plantar ou cubrindo gastos de rozas e cortes”, sinalou a voceira municipal do BNG, Mercé Barrientos, que subliñou que “dado que antes ou despois vaise exixir á veciñanza que cumpra esta normativa, o mínimo que se pode facer é prever e botarlles unha man”.
Recoñecemento de Tralapedra
Os nacionalistas muxiáns tamén indicaron que levarán ao pleno unha iniciativa para que se realicen os trámites pertinentes para a inclusión do lugar de Tralapedra no padrón municipal, así como que se proceda a establecer a nova numeración das casas desta aldea, facilitando a cada veciño a indicación do seu novo domicilio e o soporte co número da súa casa. Así mesmo, o BNG solicita que se notifique ás institucións e entidades pertinentes este cambio e, se procede, á oficina postal de Muxía aos efectos de facilitar a entrega de envíos postais.