BNG COSTA DA MORTE

O BNG da Costa da Morte esixe á Xunta que obrigue a Xeal a cumprir as cláusulas concesionais e recuperar o emprego perdido nas fábricas de Cee e Dumbría

Reunión do deputado Oscar Insua coa sección da CIG en Xeal
Reunión do deputado Oscar Insua coa sección da CIG en Xeal
O deputado Oscar Insua manifesta que “nos últimos cinco anos, perdéronse case cen postos de traballo do cadro de persoal, e ducias de empregos indirectos. A produción de ferroaliaxes está en mínimos históricos, namentres que a produción enerxética está ao alza. Que sentido ten comprar unha fábrica para non producir? A Xunta é permisible e ten información que non quere contar”
O BNG da Costa da Morte esixe á Xunta que obrigue a Xeal a cumprir as cláusulas concesionais e recuperar o emprego perdido nas fábricas de Cee e Dumbría

Costa da Morte, 11 de febreiro de 2025. O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego nas que esixe á Xunta de Galiza que obrigue a Xeal á inmediata posta en marcha de todos os fornos e á cobertura de todos os postos de traballo destruídos dende 2019 nas fábricas de Cee e Dumbría, tanto no referente  ao cadro de persoal como ao emprego eventual e auxiliares.

O representante nacionalista, que mantivo unha xuntanza con membros da sección sindical da CIG na empresa, urxe ao goberno galego a exercer as funcións de control e supervisión do cumprimento das cláusulas de vinculación de actividades de ferroaliaxes e produción hidroeléctrica, para esixir o mantemento do emprego, recuperar a actividade dos fornos ou, se procedese, reverter os dereitos de explotación.

Oscar Insua declarou que “a Xunta e o PP deben deixar de mirar para outro lado e esixir que se recuperen os postos de traballo perdidos. Hai que esixir máis traballo e máis emprego porque o investimento público foi millonario, como o peirao en Brens hoxe sen case trafico marítimo, ou agora, levando unha axuda de 9 M€ para producir carbón vexetal. Onde está a compensación e os beneficios para comarca?”

Cumprimento da decisión xudicial

Desde o BNG lembraron que a xustiza desbotou a posibilidade de segregación de actividades pretendida pola compañía, e sinalaron que “hai que esixirlle á Xunta, e concretamente a Augas de Galiza, que faga cumprir as decisións xudiciais nos seus estritos termos, obrigando á empresa a aumentar a produción de materiais de ferroaliaxes, chegando ao número de empregos existentes na data de interposición da demanda, 293 traballadores, e en caso contrario rescindir e reverter algunhas das concesións hidroeléctricas e volvelas a sacar a concurso para que sexan outras empresas as que opten a esa produción enerxética co obxectivo de crear outro tipo de empresas e novos postos de traballo na comarca”.

A formación nacionalista apuntou que toda esta estratexia empresarial xera unha situación de incerteza na comarca, xa que ao desmantelamento constante e continuo da produción industrial e á perda de emprego, hai que sumarlle a posibilidade doutra nova venda do complexo a sociedades fantasmas, interpostas ou creadas en paraísos fiscais, aumentando a sensación de que a empresa Xeal converteuse nun complexo industrial especulativo.

O BNG da Costa da Morte esixe á Xunta que obrigue a Xeal a cumprir as cláusulas concesionais e recuperar o emprego perdido nas fábricas de Cee e Dumbría