BNG COSTA DA MORTE

O BNG da Costa da Morte retoma a campaña polas infraestruturas e organiza unha “andaina da dignidade” entre Cee e Berdoias para pedir o remate da autovía AG-55

Acto pola autovía Berdoias - maio 2024
Acto pola autovía Berdoias - maio 2024

Os nacionalistas presentarán mocións nos concellos da comarca para demandar á Xunta a ampliación da autovía e a conexión da mesma ao porto de Brens e ao polígono industrial de Vimianzo

Xurxo Rodríguez afirma que “non imos tragar cunha nova aldraxe da Xunta de Galiza á nosa comarca, cuxa veciñanza non recibe o mesmo trato en investimentos de infraestruturas que si se realizan noutras zonas do noso país”

O BNG da Costa da Morte retoma a campaña polas infraestruturas e organiza unha “andaina da dignidade” entre Cee e Berdoias para pedir o remate da autovía AG-55

Costa da Morte, 19 de setembro de 2024. O BNG da Costa da Morte vén de anunciar que retoma a campaña por unhas infraestruturas e un transporte público dignos para a comarca, no marco das demandas que realizará no curso político que acaba de comezar. A formación nacionalista, que indicou que dará publicidade á campaña con carteis e faixas que serán colocadas por toda a bisbarra, avanzou que vai a organizar unha “andaina da dignidade” entre Cee e Berdoias (Vimianzo), prevista para o 26 de outubro, para esixir a execución inmediata do tramo da autovía entre Salto e Berdoias, rexeitando a intención da Xunta do PP de facer un corredor nese traxecto.

Desde o BNG convocan a participar na andaina “a todos os veciños e veciñas da Costa da Morte, así como ás asociacións e a todos os partidos políticos”, e consideran que “a Costa da Morte non pode permanecer inmóbil cando se trata dunha infraestrutura fundamental e vital para o desenvolvemento económico, para as comunicacións e para o transporte da bisbarra”.

Os nacionalistas tamén indicaron que os seus grupos municipais presentarán mocións nos concellos da comarca para demandar á Xunta de Galiza a ampliación da autovía da Costa da Morte e a conexión da mesma ao porto de Brens, tal e como se proxectou inicialmente no Plan Move, e tamén co polígono industrial de Vimianzo. Nesta iniciativa tamén pedirán o apoio cas corporacións municipais á andaina convocada para o 26 de outubro.

O responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez, manifestou que “non imos tragar cunha nova aldraxe da Xunta de Galiza á nosa comarca, cuxa veciñanza non recibe o mesmo trato en investimentos de infraestruturas que si se realizan noutras zonas do noso país”. Rodríguez advertiu que “estamos ante o enésimo engano á Costa da Morte por parte do goberno galego e o PP segue calado,  e esperamos que os concelleiros populares da comarca se posicionen do lado da bisbarra e non da Xunta”.

 

 

O BNG da Costa da Morte retoma a campaña polas infraestruturas e organiza unha “andaina da dignidade” entre Cee e Berdoias para pedir o remate da autovía AG-55