BNG COSTA DA MORTE

Aprobadas as mocións do BNG sobre a ampliación da autovía AG-55 nos concellos da comarca de Fisterra

Concentración por autovía en Berdoias
Concentración por autovía en Berdoias

O deputado Oscar Insua denuncia que “o PP segue enganando á veciñanza da Costa da Morte, porque nas eleccións prometeron que farían a ampliación desta infratestrutura e neste ano non executan o orzamento previsto”

O responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez, sinalou que a ampliación da autovía da Costa da Morte “é algo vital para as empresas, para ser competitivos e para fixar poboación”

Aprobadas as mocións do BNG sobre a ampliación da autovía AG-55 nos concellos da comarca de Fisterra

Costa da Morte, 31 de xullo de 2024. O BNG da Costa da Morte vén de dar a coñecer que as mocións sobre a ampliación da autovía da Costa da Morte (AG-55) que os nacionalistas presentaron nas últimas semanas nos concellos da comarca de Fisterra foron aprobadas nos respectivos plenos de cada localidade.

Nas iniciativas, que foron aprobadas en Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía, os grupos municipais do BNG instaban á Xunta de Galiza a licitar o tramo Sato-Berdoias da Autovía AG-55 e a executala conforme o proxecto inicial, con dous carrís para cada sentido, así como incorporar no orzamento de 2025 a contía suficiente para facer as obras dos tramos Berdoias-Cee, Cee-Porto de Brens e a conexión da autovía co polígono de Vimianzo. Ademais, pedían suprimir todas as peaxes para que sexa gratuíta en todos os seus tramos.

O deputado do BNG Oscar Insua, que presentou nos últimos meses no Parlamento Galego diversas iniciativas respecto da autovía, denunciou que “o PP segue enganando á veciñanza da Costa da Morte, porque nas eleccións prometeron que a farían e neste ano non executan o orzamento previsto, o mesmo que ocorreu nos últimos seis anos”. O representante nacionalista agarda que para os vindeiros orzamentos “o goberno galego meta os 40 millóns que din que custa a ampliación da autovía, e estaremos moi atentos para ver se o fan nas contas que a Xunta presentará en setembro”.

Pola súa banda, o responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez, afirmou que “o PP segue a ningunear á comarca e a mantela como un escaparate turístico, deixando de lado o noso desenvolvemento económico e social”, e sinalou que a ampliación da AG-55 “é algo vital para as empresas, para ser competitivos e para fixar poboación, xa que somos a rexión de Galiza que máis habitantes perde”. Rodríguez engadiu que “sería importante non só o remate da autovía, senón tamén a eliminación das peaxes”.

Aprobadas as mocións do BNG sobre a ampliación da autovía AG-55 nos concellos da comarca de Fisterra