BNG COSTA DA MORTE
O BNG demanda unha base permanente do SVA na Costa da Morte para mellorar a loita contra o narcotráfico

Costa da Morte, 21 de febreiro de 2025. O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, mantivo esta semana unha xuntanza no parlamento galego con Xose Henrique García e Henrique del Río, representantes da Confederación Intersindical Galega (CIG), para analizar a situación do SVA na comarca e en Galiza. Os delegados sindicais trasladaron a situación na que se atopa a base marítima de Muros, a máis próxima á Costa da Morte, agora mesmo cunha embarcación obsoleta de máis de corenta anos que non reúne as condicións axeitadas, e con problemas continuos nos motores, provocando que haxa semanas que non pode saír ao mar, e impedindo un desenvolvemento normal das tarefas que teñen encomendas.
Na base de Vilagarcía retiraron un dos dous barcos que había, e non volveron a repoñelo, co que existen dúas tripulacións, polo que habería persoal dispoñible e suficiente para dotar a futura base da Costa da Morte. Na mesma situación que Muros, atópase a base de Ribadeo, con outro barco obsoleto que supera os corenta anos e cunha das áreas de vixilancia máis extensa, xa que cubren parte do litoral asturiano. E a isto hai que sumarlle a retirada do avión da base aérea de Santiago e o helicóptero da base de Vigo, que restan autonomía ao SVA nas operacións de investigación.
As conclusións ás que chegaron consisten en que é necesario reforzar o servizo de vixilancia para mellorar a loita contra o narcotrafico en Galiza, e nomeadamente a Costa da Morte, que precisa dunha base marítima permanente para controlar unha zona á que agora mesmo cos recursos existentes non está o suficientemente vixilada, e ademais precísanse máis de tres horas para chegar dende as bases máis cercanas, Muros ou A Coruña.
Oscar Insua manifestou que “rexistramos unha iniciativa no Parlamento para instar ao goberno do Estado a que dote desta base tan necesaria á Costa da Morte, e que o fagan canto antes, con embarcacións novas e non aproveitadas doutras zonas do estado; esperamos ter o apoio de todos os grupos políticos, non podemos permitir que nos traten dende Madrid coma se fosemos pobres de pedir”.
O deputado do BNG mostrouse preocupado “porque parece que queren desmantelar as bases de Muros e Ribadeo, pois non é normal que sigan con eses barcos, cando é necesario aumentar as bases nun momento no que repuntan as descargas; a verdade é que ten bastante mérito que o SVA fixera as incautacións que fixeron estes anos cos medios precarios que teñen”.
Escasos efectivos
Insua engadiu que “na nosa comarca os fins de semana só queda unha patrulla da Garda Civil operativa para cubrir os postos da zona, e non dá feito para atender as denuncias e delitos comúns; só con esa unidade é imposible que teñan tempo para facer labores de vixilancia e investigación na loita contra o narcotráfico, por iso é preciso e fundamental crear esa base tan demanda na comarca; se hai interese en loitar contra a droga, deberían acceder a esta demanda, e se non o teñen que o digan dunha vez e non anden con rodeos”.
“O BNG presentará a mesma iniciativa no Congreso para que o goberno do Estado se posicione con claridade sobre esta petición que xa é un clamor”, concluiu.