BNG DUMBRÍA
O BNG de Dumbría critica que o equipo de goberno rexeitase unha moción que pedía a creación dunha Valedoría de Igualdade

Dumbría, 7 de marzo de 2025. O BNG de Dumbría vén de criticar que o equipo de goberno liderado polo alcalde Raúl González votase en contra no pleno celebrado este xoves 6 de marzo dunha moción dos nacionalistas na que pedían que a Corporación municipal demandase da Xunta o impulso dunha Valedoría de Igualdade, logo dun proceso con ampla participación social e institucional para aprobar a súa creación por lei antes do remate do ano 2025. A proposta do BNG tamén solicitaba apoio para reafirmar o compromiso coa loita feminista e o apoio ás mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego de base.
O grupo municipal do BNG dumbriés considera “lamentábel que o alcalde rexeitase unha iniciativa tan importante para o feminismo, argumentando escusas con pouca consistencia como que a Valedoría de Igualdade podería confundirse coa Valedoría do Pobo, ou que a moción non indica cal sería a composición deste órgano nin a cualificación ou rango das persoas que a compoñen”.
Os nacionalistas aclararon que estas cuestións, xunto con outras, quedarían definidas na lei que habería que elaborar para crear a Valedoría de Igualdade. “A nosa proposta consistía en acadar o apoio da Corporación precisamente para pedir á Xunta que se crease dita figura, ademais de apoiar as xustas reivindicacións do feminismo galego; do PP xa agardabamos que votasen en contra, pero o do PSOE é sorprendente”, sinalaron.
SOS Sanidade Pública
O BNG de Dumbría tamén lamentou que o grupo municipal do PSdeG-PSOE non quixese debater no pleno outra moción nacionalista na que se solicitaba á Corporación o seu apoio á Plataforma SOS Sanidade Pública e á mobilización convocada por esta entidade para o vindeiro 6 de abril en Compostela.
O BNG explicou que presentou esta proposta pola vía de urxencia debido a que non houbo tempo a rexistrala antes da convocatoria da sesión plenaria, e subliñou que “o seguinte pleno xa será en maio e a manifestación impulsada por SOS Sanidade Pública celebrarase en abril”.
Os nacionalistas criticaron a “pouca sensibilidade democrática do alcalde Raúl González e o seu grupo, que nin sequera foron quen de botar unha ollada á moción e limitáronse a votar en contra da súa urxencia”. Destacaron, así mesmo, que o PSdeG-PSOE forma parte da Plataforma SOS Sanidade Pública, “máis ao seu grupo municipal de Dumbría parece que non lle importa”.
Ademais, o BNG preguntou no pleno como vai xestionar o Concello as axudas á lingua galega concedidas pola Deputación e como van as últimas delimitacións do plan básico da Xunta. E rogou que se arranxen varios camiños no municipio.