BNG VIMIANZO

O BNG de Vimianzo lamenta que o goberno de Mónica Rodríguez non solicitase unha subvención da Deputación para a contratación gratuíta de persoal técnico de Igualdade

Benxamín Queiro, voceiro do BNG de Vimianzo
Benxamín Queiro, voceiro do BNG de Vimianzo
O portavoz municipal do BNG, Benxamín Queiro, afirma que non se sorprende destas accións do equipo da alcaldesa, “porque no 2024 non aceptaron nun pleno unha moción de urxencia sobre este mesmo tema”
O BNG de Vimianzo lamenta que o goberno de Mónica Rodríguez non solicitase unha subvención da Deputación para a contratación gratuíta de persoal técnico de Igualdade

Vimianzo, 6 de marzo de 2025. O BNG de Vimianzo lamentou que o goberno municipal liderado por Mónica Rodríguez non solicitase unha subvención da Deputación da Coruña para contratar de xeito gratuíto persoal técnico especialista en Igualdade para este ano 2025. Trátase dun programa de axudas a concellos con menos de 20.000 habitantes, no marco dun plan de acción provincial para políticas de igualdade de xénero que impulsa a área de Igualdade da Deputación.

O voceiro municipal dos nacionalistas, Benxamín Queiro, considera que as actitudes do goberno “non son coherentes nin lóxicas en canto á materia de Igualdade”, e manifestou que “as actividades que se organizan na semana do 8 de marzo, polo Día Internacional da Muller, son positivas, pero é máis necesario traballar todo o ano e, para iso, poderíase dispoñer dun ou dunha axente de Igualdade”.

O portavoz do BNG insistiu en que non se sorprenden destas accións do equipo da alcaldesa, “porque no 2024 non aceptaron nun pleno unha moción de urxencia sobre este mesmo tema”.

A formación nacionalista sinalou que un técnico de igualdade actuaría, entre outras cuestións, como mediador ou mediadora en asuntos relativos á discriminación de sexo/xénero; proporía estratexias para promover a autonomía e o empoderamento das mulleres;  deseñaría estratexias para previr a violencia de xénero e detectando os factores de risco. “En definitiva, velaría pola protección e promoción do dereito de Igualdade”, subliñaron desde o BNG de Vimianzo.

O BNG de Vimianzo lamenta que o goberno de Mónica Rodríguez non solicitase unha subvención da Deputación para a contratación gratuíta de persoal técnico de Igualdade