BNG COSTA DA MORTE
O BNG pide á Xunta que obrigue a Xeal a activar todos os fornos e a recuperar os postos de traballo destruídos en Cee e Dumbría

Santiago de Compostela, 7 de marzo. A Xunta de Galiza, a través de Augas de Galiza, debe obrigar á empresa Xeal a aumentar a produción de materiais ferroaliados activando todos os fornos dispoñibles nas fábricas de Cee e Dumbría para, deste xeito, recuperar todos os postos de traballo destruídos dende 2019, cando o cadro de persoal se aproximaba aos 300 empregos.
É o que sostivo este venres o deputado do BNG Óscar Insua na Comisión de Industria do Parlamento galego, na que formulou unha pregunta sobre esta cuestión ao secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez Iglesias. O deputado da comarca defendeu na súa intervención que se faga cumprir “nos seus estritos termos” a sentenza xudicial do TSXG, dando cumprimento así ás cláusulas de vinculación das actividades de ferroaliaxes e da produción hidroeléctrica.
En caso contrario, advertiu Insua, a Xunta debería rescindir e reverter algunhas das concesións hidroeléctricas e volvelas sacar a concurso para que sexan outras empresas as que opten a esta produción enerxética co obxectivo de crear “outro tipo de empresas” e novos postos de traballo na comarca.
Unha comarca que, segundo destacou, vive cunha gran incerteza, posto que ao “desmantelamento constante e continuo” da produción industrial e a perda de emprego que se está a producir dende hai anos sen que o PP na Xunta faga nada por remedialo súmase agora a posibilidade dunha nova venda do complexo de Xeal a sociedades fantasma, interpostas ou creadas en paraísos fiscais.
“Temos a sensación de que Xeral converteuse nun complexo industrial especulativo, que en función da demanda do mercado financeiro, deixa o seu futuro en mans de quen só pretende arranxar a conta de resultados, e non velar polo interese xeral, que non é outro que salvagardar a viabilidade da actividade principal, producir ferroaliaxes e manter e aumentar os postos de traballo nunha comarca en decadencia demográfica e cada día máis deprimida economicamente”, salientou Oscar Insua.
Afondando nesta cuestión, o deputado da Costa da Morte explicou que a día de hoxe o interese de Xeal é centrar a súa actividade económica na produción eléctrica, por ser a máis rendible, o que podería provocar que a actividade económica vinculada de ferroaliaxes, que é a que xera máis postos de traballo, acabe desaparecendo, “pois a falta de produción provoca tamén a falla de competitividade no mercado, o que finalizará na inviabilidade empresarial”, segundo se apunta na propia exposición de motivos da pregunta formulada á Xunta.
“Se hai dez anos utilizaban o pretexto de que as hidroeléctricas non eran rendibles para solicitar a segregación, hoxe é ao revés, pois estas son as que proporcionan o beneficio ao grupo industrial”, precisou o deputado do BNG, que recordou, ao respecto, que a sentencia xudicial do TSXG estableceu que ambas actividades non poden segregarse.
Tamén advertiu Insua que o anuncio da empresa sobre a nova planta de produción de carbón vexetal en Dumbría, na que investirá 21,6 millóns de euros -nove deles procedentes de fondos europeos do Perte de descarbonización-, non é suficiente para albiscar un futuro viable para a actividade industrial, pois a retirada dun guindastre no peirao de Brens e a diminución de descargas de materia prima nel son razóns suficientes para pensar que a empresa pretende desmantelar a produción de ferroaliaxes e quedarse exclusivamente coas empresas xeradoras de enerxía.
Na quenda de réplica, Insua considerou “vergonzoso” que o responsable de Industria reducise a 54 os postos de traballo destruídos cando realmente son 93. “En tal caso, foran 93 ou foran 54, aquí non pasa nada. Que medidas tomaron?”, dixo Insua, recordando que a sentencia que o BNG pide que se cumpra fala de maneira explícita de “mantemento do emprego”.