BNG COSTA DA MORTE
O BNG exixirá ao Sergas que pague a débeda que ten coas ortopedias da área sanitaria A Coruña-Cee
Compostela, 24 de setembro de 2025. Este mércores 24 de setembro reuníronse no parlamento galego as deputadas do Bloque Nacionalista Galego Montse Prado, Iria Carreira e Oscar Insua co presidente da asociación galega que reúne a maioría dos establecementos ortopédicos e Mariam Fuentes, titular dunha ortopedia no concello de Cee. A xuntanza serviu para coñecer a problemática diaria que teñen estes establecementos cando dispensan todo tipo de productos ortoprotésicos aos pacientes da área sanitaria, mais a principal preocupación centrouse na débeda que teñen co SERGAS.
A asociación estima que a Área sanitaria da Coruña-Cee debe máis de 2 millóns de euros ás ortopedias, que levan dende o mes de xaneiro sen cobrar, sen recibir o importe dos productos que dispensaron, unha situación que se repite ano tras ano, e que o SERGAS é incapaz de desbloquear cando aproba os seus orzamentos.
Esta área sanitaria é a única de toda Galiza que arrastra unha débeda coas ortopedias, xa que as demais pagan en tempo e forma, polo que é preciso frenar esta deriva que demostra a nefasta xestión do Partido Popular na sanidade pública galega.
Dende a formación nacionalista sinalan que “imos a exixir no parlamento que o SERGAS, na área da Coruña-Cee, pague o que debe, porque as ortopedias son pequenos comercios que non poden convertirse en oficinas financieiras dun sistema que fai auga pola nefasta xestión sanitaria do Partido Popular”.