BNG FISTERRA
O BNG de Fisterra propón construír o novo centro de saúde nos terreos municipais de San Roque
A voceira nacionalista, Tereixa Fernández, sinalou que levan anos reivindicando un novo centro médico e avanzou que presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta para habilitar unha partida económica que permita a súa construción
Desde o BNG subliñaron que a zona que propoñen é a máis axeitada para situar o novo centro de saúde, e sinalaron que o actual non cumpre coas condicións para prestar os servizos necesarios. Ademais, remarcaron que de reformar as instalacións actuais habería que cambiar de lugar o centro de maiores, situado na segunda planta do edificio.
A voceira do grupo nacionalista en Fisterra, Tereixa Fernández, indicou que agarda que o Goberno galego acometa o proxecto á maior brevidade posíbel, e avanzou que presentaron unha enmenda aos orzamentos da Xunta, a través do deputado Oscar Insua, para que se habilite unha partida económica que permita construír o centro médico. Ademais, advertiu que “non queremos chapuzas, como xa sucedeu con outras propostas, e cremos que o novo edificio incluso podería acoller outros servizos como un centro de día, que é moi necesario”.
Fernández manifestou que “levamos moitos anos reivindicando un novo centro de saúde decente, que fai moita falta, para que os pacientes deixen de usar un lugar que non é o axeitado e que non responde ás súas necesidades”.