BNG COSTA DA MORTE
O BNG non dá crédito ao “maltrato” da Consellería de Política Social cos grandes dependentes da Costa da Morte
Oscar Insua lamenta que se negue a facer centros de día, un castigo que conta co visto bo dos políticos do PP da comarca, que calan como Xudas”
Santiago de Compostela, 20 de novembro 2024. O deputado da Costa da Morte, Oscar Insua preguntou no Parlamento se a Xunta ten previsto construír centros de día na Costa da Morte no ano 2025 para solucionar definitivamente os problemas dos grandes dependentes e se vai aproveitar o edificio xa construído en Corcubión e que estaría preparado para albergar 22 prazas..
Ante a resposta da conselleira de Política Social, Fabiola García, que se limitou a enumerar as casas do Maior que xa hai na comarca para xustificar que están a solucionar o problema, Insua acusouna de “maltratar” e “condenar” as persoas que precisen dun centro de día, a quedar nas súas casas, un “castigo” que conta co visto bo dos políticos do PP da comarca, que -acusou- calan coma Xudas”.
“Vexo que vostede non me respondeu. Que facemos coas persoas de grao 2 e grao 3 que non poden ir a esas grandes casas do maior que di vostede? As condena a quedarse na casa coidadas polos seus familiares?”
“Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes que non teñen onde ir, e unha forma de maltrato ás familias desesperadas que sofren porque non teñen onde levar a seus tíos, avós ou pais, e fan piruetas para conciliar a súa vida laboral e familiar”, lamentou.
“Teñen vostedes a oportunidade de abrir o centro de Corcubión e de crear outro novo. Está nas súas mans acabar co maltrato aos dependentes da miña comarca. Asuma que goberna e busque os cartos onde sexa, é a súa responsabilidade, e se se sinte incapaz, marche e déixelle o sitio a outra persoa”, instou.
En declaracións posteriores á súa intervención no Pleno deste mércores, o deputado da Costa da Morte asegurou que “o BNG seguirá insistindo para defender os dereitos das familias a que os seus maiores reciban os coidades que merecen en centros de día, e que poidan conciliar da mellor maneira as súas vidas. Buscaremos unha solución en Corcubión, con ou sen a axuda do PP e da súa conselleira, que se nega a abrilo, a diferencia do que fan noutros concellos amigos", recalcou, por iso, Insua non deu crédito tampouco a que a conselleira animase ao concello de Corcubión a poñer en marcha o centro de día, cando é da súa competencia.
Na súa exposición de motivos, Insua lembrou que non existen centros de día nin en Fisterra, nin en Cee, nin en Dumbría, nin en Vimianzo, Zas ou Corcubión, malia que neste último caso existe un edificio preparado exclusivamente para albergar un centro de día, que está construído desde 20214, rehabilitado con cartos do Concello e da Deputación, “sen axuda da Xunta”, puntualizou. “Só hai que poñelo en funcionamento e levamos dez anos esperando pola Consellería de Política Social e do Consorcio Galego de Servizos sociais, que se nega sistematicamente a poñelo en funcionamento”, lamentou.
O deputado nacionalista salientou que na comarca se perderon 10.000 habitantes nos últimos 20 anos. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2023 41.472 habitantes, dos cales 13.406 son maiores de 65 anos, é dicir, o 32% da poboación, e segundo os estándares internacionais, deberamos ter un número de prazas residencias do 5% dos maiores de 65, o que vén sendo , 670 prazas en toda a costa da morte.