BNG COSTA DA MORTE

BNG logra que a Xunta resolva a modificación do Plan de Xestión de Camariñas tras meses de parálise

Oscar Insua na comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego
Oscar Insua na comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego

Insua denuncia que as mariscadoras pasaron o Nadal sen cobrar "nin un peso" e amosa a súa preocupación polo futuro das traballadoras

“Os veciños e as veciñas teñen que saber que quen impulsa as accións para resolver os problemas en Camariñas é o BNG", afirmou rotundo Insua

BNG logra que a Xunta resolva a modificación do Plan de Xestión de Camariñas tras meses de parálise

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026. O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Oscar Insua, denunciou no Parlamento a "tomadura de pelo" da Xunta co sector marisqueiro de Camariñas, ao tempo que reivindicou o papel do BNG como único impulsor das solucións para a comarca. Insua revelou que a Consellería do Mar tardou "dous meses" en resolver a modificación do plan de xestión solicitado pola confraría, e fíxoo "xusto o día despois" de que o BNG rexistrase unha iniciativa para debater o asunto na Cámara.

"Os veciños e as veciñas teñen que saber que quen impulsa as accións para resolver os problemas en Camariñas é o BNG", afirmou rotundo Insua, poñendo como exemplo que "cada vez que traemos unha iniciativa a esta Cámara, conseguimos que o PP se mova algo". Nesta liña, lembrou que a consellería tiña os informes técnicos listos dende o pasado 9 e 12 de decembro, mais non foi ata o mércores pasado, unha vez rexistrada a iniciativa do BNG, que sacaron adiante a resolución.

O deputado nacionalista puxo o foco na crítica situación que atravesa a ría de Camariñas, unha "situación catastrófica" que se prolonga "dende hai anos" e que a Xunta non atalla con medidas estruturais. Como exemplo máis doloroso, sinalou que "as mariscadoras seguen sen cobrar un peso e pasaron o Nadal sen cobrar un peso, tiveron que seguir pagando os seguros e sen unha axuda da Xunta, máis que promesas, promesas e promesas". Os datos, segundo achegou, son demoledores: "Había 46 mariscadoras a pé no plan de xestión. Saben cantas quedan en activo? 20. 20 mariscadoras. E as outras?", preguntou.

Insua non só criticou a xestión da Xunta, senón que retratou duramente á deputada do PP, Paula Mouzo, por intervir por primeira vez sobre un problema da Costa da Morte. "É a primeira vez que vostede intervén nun problema da Costa da Morte e, en concreto, de Camariñas. Benvida, señora Mouzo, benvida. Debe ser que veñen as eleccións e queren ter algo de protagonismo".

Finalmente, Insua amosou a súa preocupación polo futuro das traballadoras e pediu que, na renovación dos permisos, se teñan en conta as causas xustificadas para non acadar o 95% de días de traballo esixidos. "As mariscadoras poden seguir confiando nesta organización, porque non imos desistir e imos seguir dando a batalla para que este sector non esmoreza. Porque se perdemos un posto de traballo no mar, son sete en terra", concluíu.

BNG logra que a Xunta resolva a modificación do Plan de Xestión de Camariñas tras meses de parálise