BNG MUXÍA
O BNG de Muxía acada un acordo co alcalde para acometer varios proxectos urxentes no municipio

Muxía, 31 de marzo de 2025. A portavoz do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, vén de reunirse a semana pasada co alcalde Javier Sar para poñer enriba da mesa unha serie de actuacións que considera urxentes para a veciñanza e na que se acordou acometer algúns proxectos.
Na reunión concretouse que se inicie neste ano a estrada Quintáns-Senande, polo menos a primeira fase, co tramo inicial ata Agranzón. O BNG considera que o estado desta vía, con abundante circulación e tránsito habitual de maquinaria pesada, esixe que se acometa unha reparación de calado unha vez que a vía de comunicación cara o oeste (Alberguería- O Castelos- Vilela) xa ten a execución garantida coa inclusión no POS. Esta obra fora aprobada por unanimidade nun pleno celebrado en 2023 pero non se incluíra no POS 2024 nin no 2025.
A voceira consultou ademais a previsión para a instalación das marquesiñas de Pardiñas e de Calo, instando a que non se retrasen máis como sucedera coas de Mintiráns, Senande ou Sorna.
Tamén foi informada do estado dos expedientes relativos ás vías de Cebráns a Añobres, aos camiños interiores de Merexo, á pasarela peonil do Lago ou a reparación da pista polideportiva de Quintáns, sobre a que a voceira do BNG solicitou que se lle engada unha reparación do peche do parque infantil dado o estado do actual, de metal, con pezas caídas e bordes cortantes oxidados. Mercé Barrientos preguntou polos permisos sectoriais e polo prazo de inicio das obras, urxindo ao goberno municipal - xa que todas foran incluídas no POS 2024 aprobado cos votos de BNG, IxM e PP - a que se inicie canto antes a adxudicación das obras, moi necesarias para a veciñanza.
Mercé Barrientos dou tamén traslado ao alcalde das demandas polo estado das vías de acceso ás instalacións gandeiras da zona, coas pistas desfacéndose por falta de mantemento e que urxen unha actuación inmediata para que non acaben desaparecendo. Segundo foi informada, dúas delas, en Castelo e Loalo, están xa incluídas nas obras solicitadas ao AGADER. Sen embargo, comentou, hai algunha mais en idénticas condicións entre elas que, ademais, serve de acceso ao núcleo de poboación da Raposa.
Así mesmo, a portavoz nacionalista pediu ao alcalde o arranxo inmediato de dúas pistas en Xurarantes, que están situadas por onde pasa o Camiño de Santiago. Unha delas vai dende dito lugar ata a Fonte do Bico, e a outra percorre ata o Monte Facho.
Comentou a voceira do BNG ao alcalde a súa preocupación polo estado dos accesos á praia de Area Maior e Borreiros, co Rego da Viña inundando e desfacendo a vía desde hai anos e o estado dos equipamentos, pasarela e limpeza do areal, que requiren unha actuación urxente toda vez que a tempada estival está xa iniciándose.
Finalmente, respecto da instalación dunha nova depuradora en Quintáns, proxecto que xa é do POS 2022 e non se acometeu nestes anos, mantivo unha segunda reunión co alcalde e co técnico responsable do proxecto que estudian a viabilidade de que se poidan conectar ao saneamento á práctica totalidade das casas de Quintás e mesmo o núcleo de Ozón.