BNG COSTA DA MORTE
Oscar Insua arrinca no Parlamento o compromiso de Patrimonio de informar das deficiencias no templo de San Marcos de Corcubión

Ante a interpelación do deputado do BNG, a Directora Xeral de Patrimonio Cultural afirma que técnicos do seu departamento visitarán a igrexa a principios de abril
O deputado nacionalista indica que o templo presenta problemas nas cubertas e nos muros, que provocan numerosas filtracións de auga que afectan ao seu patrimonio escultórico e ao reloxo da fachada
Costa da Morte, 27 de marzo de 2025. O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, arrincou o compromiso de Patrimonio de informar das deficiencias que presenta o templo de San Marcos de Corcubión. O representante nacionalista interpelou este xoves 27 de marzo na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento galego á Directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, que se comprometeu a enviar a técnicos do seu departamento a principios de abril para que visiten a igrexa corcubionesa.
Insua lembrou que mantivo unha reunión en decembro de 2024 con Martínez para informarlle da situación, na que a directora xeral sinalou que persoal de Patrimonio acudiría a Corcubión en xaneiro deste ano para estudar as deficiencias que presenta o templo. Ante o incumprimento desa data, o deputado do BNG levou o tema á comisión parlamentaria e insistiu na necesidade de buscar unha solución para facer un estudo das deficiencias o antes posible.
O parlamentario nacionalista xa presentara en xullo de 2024 diversas iniciativas no Parlamento nas que pedía á Xunta de Galiza que realizase un estudo para avaliar os danos que presenta a cuberta e a fachada da igrexa, para que logo procedese a elaborar un proxecto de rehabilitación e a financiar as obras de reforma que fosen necesarias.
“Esperemos que Patrimonio desta volta cumpra, e vexamos aos técnicos en abril elaborando o informe, antes de ter que lamentar perdas no patrimonio artístico", concluíu Oscar Insua.