BNG COSTA DA MORTE
O BNG reclama que a Xunta poña de novo en funcionamento o minicriadeiro de moluscos abandonado de Camariñas

Costa da Morte 1 de abril de 2025. O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, demandou no Parlamento galego que a Xunta de Galiza poña en funcionamento o minicriadeiro de ameixa e outros moluscos situado no porto de Camariñas, “sexa como sexa, e no que puideran participar e traballar tamén á agrupación de mariscadoras da localidade”.
Insua, que acudiu este martes 1 de abril á Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento, preguntou á Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, sobre as medidas que ten previsto realizar a Consellaría do Mar nas instalacións abandonadas onde se atopa o minicriadeiro , e se está prevista algunha actuación que non sexa a de recuperalas para a actividade de criadeiro de semente.
O deputado do BNG afirmou que “hoxe as instalacións atópanse nun estado lamentable, os teitos rachados, bañeiras rotas e ciscadas, a sala de caldeiras á intemperie, e os motores das bombas oxidados e perdidos, deixando un panorama desolador do que foi un proxecto caro, punteiro e que funcionou á perfección, mais hoxe totalmente esquecido pola Consellaría do Mar, que nin o reabre, nin busca alternativas para poñelo a funcionar”.
“As mariscadoras de Camariñas teñen agora mesmo unha necesidade grande de contar con semente de moluscos, e por iso sería importante recuperar o minicriadeiro”, manifestou Oscar Insua, que insistiu que “para iso a Xunta debería ter a intención de volver a poñelo en funcionamento: teñen unha oportunidade de que a sociedade IMPULSA, na que participa e promove a Xunta de Galiza, en vez de dedicarse a crear industrias de celulosas como ALTRI, que contaminan o mar, se dedicara a potenciar industrias no sector do mar, como este minicriadeiro, que podería ser economicamente rendible".
O parlamentario nacionalista sinalou que o ano pasado estaban dadas de alta en Camariñas 50 mariscadoras de a pé, e nestes momentos só quedan 37. “Mais nestes últimos 15 días só estiveron 10 mariscadoras traballando, para intentar coller un tope de 2 quilos de ameixa fina por día, e houbo quen no foi capaz de chegar a esa cota”, subliñou Insua, que preguntou á Directora Xeral “que vai facer a Consellaría cando non quede ningunha mariscadora? A situación é desalentadora e é normal que non exista remuda xeracional”.
“Parece que só teñen ansias de eliminar as instalacións para ocupar ese espazo do porto con outro tipo de usos”, remarcou o representante nacionalista, que lle recomendou ao Conselleiro que “cando vaia este día 29 de abril a repartir uns quilos de cría e a sacar a foto, que se aparte do minicriadeiro, non vaia saír e toda Galiza se entere do estado deplorable no que se atopan as instalacións, unhas imaxes que reflexan totalmente o compromiso da Xunta de Galiza co sector marisqueiro en Camariñas”.