BNG COSTA DA MORTE

O BNG pide á Xunta que incorpore rutas diarias de autobuses directas e rápidas que conecten Muxía con Santiago e A Coruña

Oscar Insua en comisión parlamentaria
Oscar Insua en comisión parlamentaria
Iniciativa parlamentaria do deputado Oscar Insua, que afirma que “é unha proposta para mellorar as conexións do transporte público de Muxía, e esperamos que o PP a apoie, e lle esixa tamén á Xunta de Galiza mellorar as conexións coas cidades”
O BNG pide á Xunta que incorpore rutas diarias de autobuses directas e rápidas que conecten Muxía con Santiago e A Coruña

Muxía, 12 de setembro de 2025. O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar no Parlamento galego varias iniciativas nas que demanda á Xunta de Galiza que incorpore na rede de transporte público unha ruta de autobús diaria de ida e volta directa entre Muxía con Santiago de Compostela e A Coruña, cunha duración non superior á hora e media. 

Desde o BNG sinalaron que “as rutas e horarios publicadas polas empresas adxudicatarias - Monbús e Arriva -, para levar a cabo ditos traxectos, están moi lonxe do que os veciños e veciñas da comarca demandan, que non é outra cousa que polo menos a existencia de rutas diarias e máis directas ás citadas cidades. 

Os nacionalistas explicaron que o traxecto entre Muxía e A Coruña foi adxudicado á empresa Arriva, e só ofrece unha viaxe de 32 paradas de luns a venres ás seis da mañá, e outra de volta ás 15:00 horas con máis de 30 paradas que duran entre dúas horas e dúas horas e media; unha viaxe que percorre Camariñas, Laxe, Ponteceso e chega ata Buño. Os sábados, este único traxecto chega a ir ata Malpica, ten 47 paradas e dura tres horas a viaxe, “converténdose nun auténtico tour turístico”. No caso dos domingos, só ofrecen dúas viaxes de ida e dúas de volta, pero cos mesmos itinerarios e paradas que os sábados.

No caso da conexión entre Muxía e Santiago, que foi adxudicado á empresa Monbús, o BNG subliña que existen tres viaxes de luns a domingo, dúas delas duran 1 hora e 45 minutos, con máis de 30 paradas; e a outra 3 horas, dado que antes de dirixirse a Santiago pasa por Fisterra.

Oscar Insua manifestou que “se a oferta de transporte público non é boa, a xente acaba utilizando o vehículo particular;  outros optan directamente por asentarse nas cidades, porque teñen mellores servizos”.

O parlamentario nacionalista sinalou que “se queremos frear o despoboamento da Costa da Morte, debemos apostar por melloralos e sen dúbida ter mellores comunicacións;  o PP debe mudar as políticas do transporte público, apostar por el, e favorecer as demandas dos usuarios de Muxía, que non queren facer tours turísticos cada vez que teñen que ir á Coruña ou Santiago”.

O BNG pide á Xunta que incorpore rutas diarias de autobuses directas e rápidas que conecten Muxía con Santiago e A Coruña