BNG DE MUXÍA

O BNG de Muxía demandou que se promovan prazas de estacionamento para persoas con discapacidade

Screenshot_20241127-235404-571
Mercé Barrientos, voceira do BNG Muxía

Os nacionalistas apoiaron ás ANPAS do municipio para o cumprimento dos dereitos do alumnado con necesidades especiais e esixiron o remate da autovía AG-55

O BNG de Muxía demandou que se promovan prazas de estacionamento para persoas con discapacidade

Muxía, 26 de novembro de 2024. O BNG de Muxía presentou no último Pleno da Corporación unha moción, que foi aprobada por unanimidade, para promover prazas de estacionamento para persoas con discapacidade por problemas de mobilidade, na que solicitaban que se tomen medidas para garantir, nos edificios de titularidade pública do núcleo urbano e na contorna das vivendas dos afectados, que haxa suficientes espazos reservados para facilitar o acceso e aparcamento de vehículos nos que sexan trasladadas.

Os nacionalistas muxiáns sinalaron que veñen observando que no núcleo do pobo de Muxía hai unha importante precariedade destas prazas para discapacitados, e cren necesario realizar unha campaña divulgativa dirixida á veciñanza, na que se informe do dereito a dispor de medidas que melloren a accesibilidade e inclusión das persoas con problemas de mobilidade e dos trámites precisos para exercer este dereito.

Apoio ás ANPAS, remate da autovía e rogos

Por outra banda, O BNG muxián presentou dúas mocións máis na sesión plenaria do pasado xoves 21 de novembro, e que foron aprobadas por unanimidade. Unha de apoio ás ANPAS do municipio na súa demanda de cumprimento dos dereitos do alumnado con necesidades especiais, e outra para esixir o remate da autovía AG-55. Ademais, rogou que se arranxen dúas pistas: a que vai desde Lamexo ata Armear, incluíndo a reparación dunha fuga na traída de auga deste último lugar; e a que une Vilachán co cruce de Nemiña, “que está absolutamente desfeita”.

 “Nos últimos anos, as familias dos colexios Os Muíños e Virxe da Barca de Muxía ven como se lles foron recortando o número de horas e días de profesorado asignado aos centros para a atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo”, sinalou a formación nacionalista, que denunciou “a política de propaganda empregada pola Consellería de Educación para facer ver que se incrementaba o profesorado mentres se seguían a aplicar recortes, que son especialmente graves cando se aplican ao alumnado con necesidades educativas especiais”.

En canto á ampliación da autovía AG-55, o BNG de Muxía solicitou na súa iniciativa a execución inmediata do tramo de autovía entre Salto e Berdoias e a conexión ata Cee, así como que se tomen as medidas oportunas para garantir a gratuidade do tramo A Coruña-Carballo como se fixo co rescate doutras vías de titularidade autonómica.

O BNG de Muxía demandou que se promovan prazas de estacionamento para persoas con discapacidade