BNG MUXÍA
O BNG de Muxía denuncia o abandono durante anos de doazóns humanitarias e urxe ao Concello a darlles destino
Mercé Barrientos considera “unha irresponsabilidade, unha falta de humanidade e mesmo un engano á veciñanza que estes artigos, aportados polos veciños e veciñas nunha campaña promovida desde o propio Concello, non foran entregados no seu momento”
Muxía, 2 de xaneiro de 2025. O BNG de Muxía denunciou “con abraio” que numerosos artigos doados para axuda humanitaria pola veciñanza no 2022 continúan anos despois arrombados nun curruncho do Multiusos da Camposa, e urxe ao Concello a darlle destino “canto antes”.
Os nacionalistas subliñaron que xa en 2022 e posteriormente en 2023 se denunciara que o material doado pola veciñanza, con motivo da campaña de apoio ao pobo ucraíno, non fora debidamente entregado. “Negouse este extremo, mais a celebración do Mercado de Nadal nesta instalación provocou que se puidera reparar na existencia dunha serie de artigos, a meirande parte destinados a bebés, afastados e arrombados nunha esquina da zona de almacenaxe en completo desorde”, sinalou a formación frontista, que afirmou que “o abraiante é que algúns deses artigos sexan os mesmos que, máis de dous anos despois da súa recollida, continúan no mesmo lugar”.
A voceira do BNG muxián, Mercé Barrientos, considera “unha irresponsabilidade, unha falta de humanidade e mesmo un engano á veciñanza o feito de que estes artigos, aportados polos veciños e veciñas nunha campaña promovida desde o propio Concello, non foran entregados no seu momento”, e urxiu ao actual goberno municipal “a facerse cargo da situación canto antes e darlles o destino para o que foron recollidos: servir de axuda humanitaria en calquera das múltiples catástrofes nas que as ONG’s están a reclamar apoio”.
O BNG destacou que desde 2022 non se lle dou uso algún ás caixas e enseres doados, “que se atopan apilados en desorde e, algúns cos envoltorios rompidos”. O material consiste, entre outros, en roupa, xoguetes infantís, cueiros, carros e xoguetes para bebés, “e algúns veciños recoñeceron desolados que foron doados por eles mesmos hai anos”.
Finalmente, os nacionalistas reclamaron que se acondicione un lugar cunha zona de almacenaxe adecuada para que en futuras campañas se poida contar cunha sede loxística na que clasificar e colocar dignamente os obxectos recollidos ata o seu envío ou entrega, e instou ao goberno municipal a proceder á súa instalación en canto se poida.