BNG VIMIANZO

O BNG de Vimianzo presenta na Xunta máis de 200 sinaturas da veciñanza para axilizar a entrega dos títulos da parcelaria de Carnés e Cereixo

Oscar Insua e Benxamín Queiro coa Xefa Servizo Estruturas Agrarias 23-1-25
Oscar Insua e Benxamín Queiro coa Xefa de Servizo de Estruturas Agrarias 23-1-25
O deputado Oscar Insua e o voceiro municipal Benxamín Queiro reuníronse coa Xefa de Servizo de Estruturas Agrarias da Coruña para obter información do estado no que se atopa o proceso
O BNG de Vimianzo presenta na Xunta máis de 200 sinaturas da veciñanza para axilizar a entrega dos títulos da parcelaria de Carnés e Cereixo

Vimianzo, 24 de xaneiro de 2025. O BNG de Vimianzo presentou este xoves 23 de xaneiro un escrito con máis de 200 sinaturas da veciñanza na Xefatura Territorial de Medio Rural da Coruña no que se pide apurar os trámites para entregar os títulos definitivos notariais da concentración parcelaria nas parroquias de Carnés e Cereixo. As firmas recollidas foron rexistradas polo portavoz municipal, Benxamín Queiro, que estivo acompañado polo deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua. 

Ambos os dous mantiveron ademais unha xuntanza coa Xefa de Servizo de Estruturas Agrarias da Coruña, Belén Mosquera, para obter información do estado no que se atopa o proceso administrativo, que leva anos de retraso e que provoca preocupación entre os afectados. Os representantes nacionalistas afirmaron que a funcionaria de Medio Rural indicoulles que están traballando para que durante este ano 2025 se poidan entregar os títulos definitivos da concentración parcelaria, e que a demora neste asunto débese a cuestións técnicas que hai que corrixir.

Oscar Insua sinalou que “non se pode estar 40 anos tramitando unha concentración parcelaria, pois isto non axuda nada a impulsalas noutros lugares; o BNG está coa veciñanza de Vimianzo para exixir que poñan todos os medios posibles para finalizala canto antes”.

Pola súa banda, Benxamín Queiro manifestou que “non pararemos de insistir para dar solución a este retraso que consideramos inxusto,  pois cómpre recordar que  o proceso foi  rematado en firme no 2020 e, polo tanto a Xunta debe dar prioridade aos posibles problemas que puideran ter xurdido despois, como así o ten feito noutras concentracións iniciadas con posterioridade á de Cereixo e Carnés, pero nas que, non obstante, xa se entregaron os títulos aos seus  propietarios”.

Entrega firmas parcelaria Carnés Cereixo 23-1-25
Entrega de firmas parcelaria Carnés e Cereixo 23-1-25
O BNG de Vimianzo presenta na Xunta máis de 200 sinaturas da veciñanza para axilizar a entrega dos títulos da parcelaria de Carnés e Cereixo