BNG COSTA DA MORTE
O BNG non dá crédito a que o PP volva votar en contra do remate da autovía AG-55 e pretenda facer un corredor
O deputado Oscar Insua advirte que terán a comarca en pé de guerra para que se faga a autovía porque non vai aceptar un corredor no seu lugar
Santiago de Compostela, 5 de setembro 2024. O deputado da Costa da Morte, Oscar Insua non entende como o PP volve votar en contra de finalizar a autovía AG-55 e advertiu que terán a comarca en pé de guerra para que se remate, porque o que non van aceptar é un corredor de 5 km, como anunciou o Partido Popular na comisión 3ª deste xoves.
Moi enfadado despois de facer pública a intención do PP, Insua espetoulle ao Partido Popular que “isto é un vilipendio e unha afrenta á Costa da Morte e van ter que ir dar a cara á miña comarca, e vannos ter aos veciños en fronte porque non imos pasar por un corredor”.
Ademais, recriminou que a deputada do PP de Camariñas Paula Mouzo, non aparecera na comisión para “dar a cara” e que "escapa e cala, igual que fai cando levamos calquera problema da costa da morte. Igual lle caía a cara de vergoña por votar en contra e por anunciar agora que non queren construírnos unha autovía. Menudo papelón lle queda na comarca", augurou.
“Eu xa vexo quen son os do non, os que volven votar que non a que se remate a autovía. Entón, preguntou, para que puxeron dous millóns de euros de orzamento, non queren licitala? É totalmente inexplicable, programan cartos para non executalos”, recriminou. A iniciativa de Insua fora presentada polo trámite de urxencia, xustificada esta pola necesidade de que a Xunta se posicionase canto antes en sede parlamentar sobre a execución da AG-55. E o PP posicionouse votando non unha vez máis.
Insua acusou o PP de tomarlle o pelo aos veciños e veciñas da Costa da Morte: “Non pode ser que se poñan nos orzamentos cartos e que levemos desde 2016 sen executar un peso”, insistiu. Ao deputado pareceulle aínda máis tomadura de pelo “dicir que se vai facer un corredor porque -advertiu- os corredores non son autovías que teñen unhas medianas. Os corredores serven para ter máis accidentes”.
Acusou a Xunta do PP de “discriminar a veciñanza da Costa da Morte” ao demorar deliberadamente as obras da autovía AG-55, unhas obras moi necesarias, asegura, pola cantidade de accidentes que se producen na estrada AC-552 e polos que sinala á xunta de ser en parte responsable ao retrasar a propósito as obras entre Salto e Berdoias.
“Voullo dicir sen ruborizarme, cada accidente e cada morte que exista na AC-552 no tramo onde non está executada a autovía, en parte, teñen vostedes responsabilidade, e penso lembrarlles día tras día esa responsabilidade”, asegurou, porque, insitiu, “xa son moitos anos”.
Durante a súa intervención, o deputado da Costa da Morte preguntou reiteradamente polos cartos orzamentados para facer a autovía, en concreto quixo saber onde están os dous millóns de euros que debían executarse neste 2024 e que se suman aos 6 millóns do ano 2021, aos 3,43 do 2022 e aos 3,5 millóns de euros do 2023. “Estamos ante unha auténtica afrenta contra os veciños e veciñas da Costa da Morte, que seguen sufrindo a discriminación do Partido Popular desde o ano 2009 e desde antes, porque desde 2003, cando se prometeu a raíz do Prestige, despois en 2005 con Fraga e con Aznar en Madrid, nada fixeron pola Costa da Morte nin por esta autovía”, recriminou.
O deputado nacionalista salientou a importancia da infraestrutura para o transporte e para as comunicacións de toda a comarca e para o seu desenvolvemento económico, ademais de para “apuntalar o seu futuro”, sinalou, xa que “é unha comarca que esmorece, que perde poboación e servizos, en gran parte polas políticas da Xunta, porque -aclarou- por un lado aproba a lei de impulso demográfico e por outro fai oídos xordos e deixa en papel mollado todo o que alí se di e aproba”.
Acusou ao PP de “reclamar igualdade entre españois pero en Galiza fomentan a desigualdade entre galegos”, para recordarlle que “na Costa da Morte pagamos os mesmos impostos que os demais pero non contamos cos mesmos servizos”.