BNG COSTA DA MORTE

Remate da autovía e defensa da sanidade e educación centrarán as reivindicacións do BNG da Costa da Morte no novo curso político

Consello Comarcal
Consello Comarcal

O responsable comarcal, Xurxo Rodríguez, destaca que “seguiremos loitando polo desenvolvemento da Costa da Morte e reivindicaremos os compromisos a un PP desatado que discrimina día si e día tamén á nosa comarca.”

Remate da autovía e defensa da sanidade e educación centrarán as reivindicacións do BNG da Costa da Morte no novo curso político
Consello Comarcal 9-7-24  3
Reunión do Consello Comarcal (09/09/2024)

 Costa da Morte, 10 de setembro de 2024. O BNG da Costa da Morte anunciou as súas liñas de actuación na comarca para o novo curso político que acaba de comezar, centrándose na esixencia de executar canto antes a autovía AG-55 ata Berdoias e na defensa de servizos públicos como a educación e a sanidade, así como dunha política de vivenda centrada nas necesidades da poboación.

Tras a reunión do Consello Comarcal, celebrada este luns 9 de setembro en Corcubión, a formación traballou nas que serán as principais liñas reivindicativas, destacando a reiterada petición do remate da autovía da Costa da Morte. O BNG rexeita que sexa un corredor de 5 km, como anunciou o Partido Popular a semana pasada na comisión 3ª do Parlamento galego, e considérao “un vilipendio e unha afrenta á Costa da Morte, e terán que dar a cara ante a comarca porque non imos pasar por iso”.

Os nacionalistas anuncian que xa traballan nunha planificación de diferentes accións políticas en todas as institucións e na mobilización da veciñanza, que se darán a coñecer nos vindeiros días, e destacaron os incumprimentos dos gobernos do PP con esta infraestrutura fundamental para a comarca, lembrando as cantidades recollidas nos orzamentos da Xunta nos últimos anos para a súa ampliación e que non foron executadas.

En canto ás políticas de sanidade, o BNG loitará “pola mellora de servizos no hospital comarcal de Cee, para que se aumenten os servizos aos doentes, sen esquecer a atención primaria nos concellos da bisbarra, tan deteriorada pola ineficacia do Sergas”. En educación, a formación frentista fixo fincapé nos recortes do profesorado e no incumprimento das ratios de alumnado, cuestións que están a provocar protestas da comunidade educativa. O acceso á vivenda, especialmente na mocidade, e un parque público da mesma, son cuestións que tamén preocupan aos nacionalistas da comarca, que destacaron que a vivenda “ten que ser tratada como un dereito das persoas e das familias, e non como un ben de consumo ou un negocio”.

Xurxo Rodríguez, responsábel comarcal do BNG, afirmou que “seguiremos loitando polo desenvolvemento da Costa da Morte e denunciando as mentiras do PP. Vinte anos prometendo unha autovía, e agora ademais de non executala, anuncian un corredor. Non teñen vergoña, nin os da Xunta nin os políticos do PP nesta comarca”. Rodríguez tachou de “nefastos para nós” os gobernos da Xunta do PP e sinalou que “seguiremos a dar a batalla política pola dignidade da Costa da Morte”.

 

 

Remate da autovía e defensa da sanidade e educación centrarán as reivindicacións do BNG da Costa da Morte no novo curso político