BNG COSTA DA MORTE

O BNG reclama que a Xunta asuma os custos das escolas infantís de Cee, Corcubión e Vimianzo e o PP vota en contra

Oscar Insua en comisión parlamentar
Oscar Insua en comisión parlamentar

O deputado da Costa da Morte, Oscar Insua pedía ademais aumentar as prazas nas de Muxía e Zas, e a creación dunha escola infantil en Dumbría

O BNG reclama que a Xunta asuma os custos das escolas infantís de Cee, Corcubión e Vimianzo e o PP vota en contra

Santiago de Compostela, 4 de setembro 2024.  O PP votou en contra de asumir o 100% do custo da prestación do servizo de escolas infantís nos concellos de Cee, Corcubión e Vimianzo, como pedía o BNG, ademais de aumentar as prazas dos centros de Muxía e Zas e crear unha escola infantil no concello de Dumbría, cuestións que tamén foron rexeitadas polo PP.

Na Comisión 1ª deste mércores no Parlamento, o deputado da Costa da Morte, Oscar Insua, recordoulle ao PP que  competencia das escolas infantís é exclusiva da Xunta de Galiza e que “por lóxica pura, quen ten a competencia é a que ten que pagar”, para poñer de manifesto que “o que fai a Xunta é delegar as competencias nos concellos, máis non acompaña o financiamento íntegro”, recriminou.

 “O PP na comisión non puxo en dúbida que a Xunta ten a competencia exclusiva na creación, mantemento e xestión das escolas infantís en Galiza, entón o que teñen que facer agora é asumilo, crelo e adaptarse, e financiar integramente o 100% dos custes, e desafogar as economías dos concellos por asumir competencias impropias. Si decidiron e venderon a gratuidade das escolas infantís, que as paguen, que asuman tamén as consecuencias”, reclamou.

“Anunciaron no seu día a gratuidade das escolas infantís pero “quen paga a festa son os concellos”, lamentou para acusar ao PP de ser unha “maquinaria de enganar aos galegos e galegas en cada elección porque unha vez que gañan, olvídanse”, asegurou. O que reclama o BNG é que a Xunta asuma o 100% destas escolas e que, mentres non o faga, que pague os custos das que están xestionadas polos concellos.

Na súa argumentación na Comisión 1ª, Insua deu conta das oito escolas infantis  de 0 a 3 anos  nas comarcas de Fisterra e Soneira, cinco pertencen á rede de escolas infantís de Galiza (de Camariñas, Carnota, Fisterra, Muxía e Zas), mentres que as de Corcubión, Cee e Vimianzo son xestionadas polos propios concellos. Resaltou que o único concello que non conta con escola infantil é Dumbría, que “ tan só ten unha casa niño no Ézaro para cinco nenos, cando no ano 2022 neste municipio naceron 18 nenas e nenos, tendo que levar as crianzas a outros concellos da contorna”, denunciou.

En canto ao aumento do número de prazas, en Muxía e Zas, existe unha lista de agarda de 5 nenos e nenas en Muxía, e un cativo esperando en Zas, “datos que coinciden co aumento da natalidade nestes municipios, xunto con Carnota e Dumbría e que van ter que esperar por culpa das políticas do PP que seguen sen apostar polos servizos públicos”. É por iso que, asegurou, “é necesario aumentar as prazas e os servizos nas escolas da rede galega na nosa comarca”.

Insua puxo de manifesto que no concello de Corcubión, con 15 nenos, o custe neto para as arcas municipais foi de 52.488 mil euros por ano (pagarían 18 mil se estivesen na rede galega de escolas infantís) en Cee, 120.306 mil euros (68.400 mil se estivesen na rede) e en Vimianzo, 257 mil euros (73.200 mil se estivesen na rede do Consorcio Galego). “ Está claro que o PP prexudica a propósito aos concellos que non son da súa corda, para afogalos economicamente”, acusou.

De aí que para o deputado da Costa da Morte resulte fundamental que a Xunta do PP realice “asuma a xestión íntegra das escolas infantís municipais, incorporándoas na Rede de Escolas Infantís de Galiza e respectando e aumentando as prazas actualmente ofertadas”, recalcou.

“É lamentable que o PP siga a discriminar aos concellos da comarca, pero máis lamentable é que a deputada de Camariñas, vote tamén en contra dos intereses da costa da morte. Todas as melloras que pedimos para a comarca, sexan escolas ou a autovía, as vota en contra de forma sistemática, e creo que debera dar algunha explicación incluso aos seus votantes, que tamén son usuarios destas escolas”, rematou.

O BNG reclama que a Xunta asuma os custos das escolas infantís de Cee, Corcubión e Vimianzo e o PP vota en contra