BNG COSTA DA MORTE

O BNG pide no Parlamento Galego melloras para o parque infantil do CEIP de Camelle e a súa contorna

CEIP Camelle
CEIP Camelle

O voceiro dos nacionalistas en Camariñas, Xurxo Rodríguez, afirma que “a Xunta desoe as demandas para que as crianzas de Camelle poidan xogar nun sitio seguro e decente”

O BNG pide no Parlamento Galego melloras para o parque infantil do CEIP de Camelle e a súa contorna

Costa da Morte, a  3 de setembro de 2024.O BNG, a través do deputado Oscar Insua, vén de presentar no Parlamento Galego varias iniciativas para que a Xunta de Galiza mellore as condicións de seguridade na contorna da escola infantil (CEIP) de Camelle, no acceso ao parque infantil, así como a realizar un estudo do estado das instalacións de dito recinto, que se atopan en “lamentable estado”, e a consignar no orzamento do 2025 unha partida para construír un novo parque infantil cuberto.

Os nacionalistas, que se reuniron con representantes da ANPA do CEIP de Camelle para recoller as súas inquedanzas,  tamén instan á Goberno galego a resolver antes do comezo do curso escolar a falta dun mestre de música no centro escolar.

Elementos de xogo danados
Danos no parque infantil

 

Desde o BNG sinalaron que para acceder ao parque infantil do CEIP de Camelle hai que cruzar unha estrada municipal paralela ao colexio, “o que pon en risco a seguridade do alumnado cada vez que acoden ao mesmo, porque ademais de que a propia estrada está en mal estado, igual que o paso de peóns, a zona non está sinalizada correctamente coas advertencias da existencia dun centro de ensino”. Ademais, subliñaron o “lamentable estado” no que se atopa o recinto onde xogan as crianzas, que presenta “numerosos danos e deficiencias graves” tanto no seu firme como en diversos elementos de xogo, o que pode supor  “un perigo para os nenos e nenas”.

O voceiro do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez, lembrou que no Pleno da Corporación do mes de xullo presentou unha moción instando ao Concello a facer as xestións oportunas para acadar as melloras necesarias no parque infantil e a súa contorna. O portavoz nacionalista destacou que “o curso escolar está a piques de comezar, e a pesares de que avisamos do problema hai tempo, a Xunta de Galiza segue sen facer nada para mellorar este parque infantil e a seguridade da súa contorna".

 

O BNG pide no Parlamento Galego melloras para o parque infantil do CEIP de Camelle e a súa contorna