RECORTES EN EDUCACIÓN

O BNG tacha a Educación de “miserables” por negar todo este curso profesorado suficiente ao alumnado con necesidades especiais da Costa da Morte

Membros do BNG  nunha concentración en Cee contra os recortes de profesorado da Xunta
Membros do BNG nunha concentración en Cee contra os recortes de profesorado da Xunta

Iniciativa parlamentaria do deputado Oscar Insua, logo de coñecerse a decisión xudicial que indica que a Consellería debe restablecer o mesmo apoio docente que o alumnado tivo no curso anterior

“O desmantelamento da educación pública polo PP parece que hai que paralo nos tribunais de xustiza, e é ben triste chegar a este punto”, afirma Insua

O BNG tacha a Educación de “miserables” por negar todo este curso profesorado suficiente ao alumnado con necesidades especiais da Costa da Morte

Costa da Morte, 18 abril de 2026. O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, vén de presentar  varias iniciativas parlamentarias nas que solicita á Xunta de Galiza que dea resposta á demanda da comunidade educativa do IES Agra de Raíces, de Cee, de incorporar de maneira inmediata o profesorado suficiente para cubrir as necesidades de todo o alumnado con necesidades especiais. Así mesmo, pide que se restitúa no CEIP de Brens e na EEI de Pereiriña o especialista de audición e linguaxe itinerante (AL afín PT).

O BNG sinalou que, ante a negativa do goberno galego a atender as reclamacións realizadas desde o instituto ceense, algúns proxenitores tiveron que acudir á xustiza ordinaria para reclamar máis atención educativa para os seus fillos e fillas, por consideralo un dereito recoñecido en varias normativas legais, comezando pola Constitución española.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a petición dos demandantes, resolveu o establecemento de medidas cautelares no procedemento especial para a protección dos dereitos fundamentais das persoas, polo que a Consellería debe restablecer o mesmo apoio do profesorado especialista de audición e linguaxe que o alumnado tivo no curso anterior. 

“A Xunta, lonxe de cumprir o mandato xudicial nun primeiro momento contratando unha AL a media xornada, acabou desmantelando outros centros de ensino no propio municipio de Cee, como o CEIP de Brens ou a EEI de Pereiriña, onde lles eliminou o AL (afín PT) itinerante”, denunciou a formación nacionalista. Oscar Insua, cualificando este feitos, afirmou que “a chapuza de Educación na comarca este curso penso que é insuperable.”

Desde o BNG lembraron que o IES Agra de Raíces elevou un informe ao principio de curso á inspección educativa e á Consellería no que expoñía a situación de insuficiencia de medios docentes para atender aos alumnos e alumnas con necesidades especiais, sen obter resposta positiva por parte de Educación.

Insua manifestou “hai que ser ben miserable para facer chegar a este punto aos pais e nais do alumnado con necesidades especiais. Dende o BNG instamos á Consellería a que non só cumpra de maneira íntegra as medidas cautelares no IES Agra de Raíces, sen menoscabar os recursos doutros centros, senón a que dote de todos os recursos necesarios aos colexios da comarca con profesorado suficiente para atender ao alumnado NEAE e NEE”.

O BNG tacha a Educación de “miserables” por negar todo este curso profesorado suficiente ao alumnado con necesidades especiais da Costa da Morte