BNG COSTA DA MORTE
Comunicado do Consello Comarcal do BNG da Costa da Morte
Costa da Morte, 1 de outubro de 2024. O Consello Comarcal do BNG da Costa da Morte, reunido o luns 30 de setembro de 2024, acordou abrir expediente disciplinario á concelleira de Muxía Mercé Barrientos por vulnerar o acordo do Consello Nacional do BNG adoptado na reunión do 3 de xuño de 2023, en relación cos criterios políticos para acordos no ámbito local.
O BNG desautorizou a Mercé Barrientos a asinar unha moción de censura en Muxía por contravir os acordos adoptados colectivamente nos órganos de decisión da nosa organización, razón pola cal acordouse abrir o expediente disciplinario, conforme ao estabelecido nos Principios organizativos e normas de funcionamento do BNG, e seguindo o procedemento disciplinario neles estabelecido. Esta decisión subliña o compromiso do BNG coa responsabilidade e a coherencia nos principios dos que nos temos dotado colectivamente.
Con todo, desde o Consello Comarcal da Costa da Morte queremos deixar claro que o PSOE contribuíu a chegar a esta situación, pois tendo coñecemento das actitudes intolerábeis do seu alcalde cara á concelleira do BNG, o PSOE non tomou ningunha medida para deter o comportamento machista, irresponsábel, irrespectuoso e antidemocrático do seu alcalde.
Durante os últimos meses, a concelleira do BNG foi obxecto de comentarios e actitudes que non só minan a súa dignidade, senón que tamén reflicten un ambiente político tóxico que non debería ter cabida na nosa sociedade. A actitude do alcalde, en vez de fomentar un debate construtivo e respectuoso, baseouse sempre na descualificación e na ridiculización, poñendo en evidencia falta de madurez e responsabilidade que debe conlevar un cargo público.
Expresións de todo punto intolerábeis como “prosiga con esa cara de cínica”, “é vostede dobremente rastreira”, “igual quixestes ter fillos e non os tes”, “se vostede non sabe o que é ter un fillo, alá vostede”, “Mercedes Barrientos Varela, vostede a puntiña nada máis”, “con ese sorriso que a caracteriza que non sabemos se tes algún problema ou non”, entre outras, foron proferidas por Iago Toba dirixíndose a Mercé Barrientos en diferentes Plenos e denunciadas publicamente polo BNG mentres o PSOE, tanto muxián como provincial, abalaba este comportamento.
Desde o BNG reiteramos o noso compromiso coa veciñanza de Muxía e seguiremos traballando con dedicación e esforzo a prol dos seus intereses. O BNG seguirá sendo un aliado para as veciñas e veciños de Muxía, defendendo os seus dereitos e demandas e non contribuíndo a xerar un clima de crispación que en nada beneficia ao pobo de Muxía.