BNG COSTA DA MORTE

BNG lamenta que o PP non se comprometa a aumentar o orzamento dos concellos para o ano 2025

Oscar comisión
Oscar Insua en comisión parlamentaria
O deputado Oscar Insua asegura que as administracións locais teñen que facerse cargo de competencias impropias, que a Xunta se nega a asumir
BNG lamenta que o PP non se comprometa a aumentar o orzamento dos concellos para o ano 2025

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2024. O deputado Oscar Insua lamenta que o PP non se comprometa a aumentar o orzamento dos concellos para o ano 2025 que lles permitan paliar o actual afogo económico producido polo insuficiente financiamento dos servizos de competencia autonómica prestados polas entidades locais e que a Xunta  se nega a asumir, como é o caso do Servizo de axuda no Fogar (SAF).

“Gustaríanos saber se vai haber algunha subida nos orzamentos de 2025 para este servizo e se se vai aumentar a partida de 12 euros que estaba dando a Xunta de Galiza”, preguntou.

A dous días da celebración da Comisión técnica entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta de Galiza para abordar temas pendentes como a limitación das competencias que lles corresponden a cada unha das administracións en materia de educación, sanidade, emerxencias ou servizo de axuda no fogar (SAF), o deputado nacionalista preguntoulle na comisión 1ª á directora xeral de Administracións Locais, Natalia Prieto, polo “posicionamento do PP ao respecto”.

Neste senso quixo saber se se van ter en conta algunha das 21 resolucións que aprobou a Fegamp de forma unánime, tamén polos alcaldes e alcaldesas do Partido Popular, a respecto do financiamento local aquí en Galiza, un sistema que leva 20 anos sen renovarse.

“Non sei se nese retiro espiritual en Sober decidiron algo ao respecto do financiamento dos concellos, se vai haber unha subida nas partidas destinadas aos concellos”, ironizou.

Insua sinalou que, moitas entidades locais están asumindo competencias como impropias, sobre todo nos colexios de primaria, nos centros  sanitarios de atención primaria, ou no Servizo de Axuda ao Fogar, onde, neste caso, os concellos teñen que soportar máis do 50% do custe do servizo.

“Están esperando como auga de maio que as cousas cambien e non se lles dea a resposta de que dependemos de Madrid. A lei de racionalización y sostenibilidad de la Administración Local do 2013, "aprobouna  o PP e vostedes nin sequera a cumpren”, porque nela dise que “as competencias dos servizos sociais son competencia da Xunta de Galiza, e a única competencia que teñen os concellos son en emerxencia social,  pero por exemplo, un centro de día, non é unha emerxencia social”, exemplificou.

“Eu pregunto se o partido que sustenta o Goberno galego, cantos deputados ten en Madrid?, teñen presentado algunha iniciativa para pedir tamén ese financiamento ou temos que facelo non soamente con un deputado que temos?, nós facémolo e non temos problema en seguir facéndoo pero os que teñen vostedes en Madrid deben de estar de paso e non deben ter ningún tipo de traballo”, volveu ironizar.

O BNG tamén preguntou na comisión 1ª polos traballos da comisión técnica de delimitación competencial, dos que de momento non se sabe nada.

BNG lamenta que o PP non se comprometa a aumentar o orzamento dos concellos para o ano 2025