BNG COSTA DA MORTE

Satisfacción pola boa acollida das “Xornadas do Mar” organizadas polo BNG, que afondaron nas problemáticas e propostas para o sector na Costa da Morte

Una das mesas desenvolvidas nas Xornadas do Mar celebradas no Ézaro (Dumbría).
Una das mesas desenvolvidas nas Xornadas do Mar celebradas no Ézaro (Dumbría).
Patróns maiores de confrarías, traballadores e traballadoras da pesca e marisqueo, e expertos do sector, abordaron os problemas dun sector que está a sufrir os embates das políticas das diferentes administracións 
Satisfacción pola boa acollida das “Xornadas do Mar” organizadas polo BNG, que afondaron nas problemáticas e propostas para o sector na Costa da Morte
O Ézaro, 19 de outubro de 2025. O BNG  da Costa da Morte vén de amosar a súa satisfacción logo de organizar as "Xornadas do Mar: Presente e futuro do mar na Costa da Morte", que tiveron  como protagonistas a representantes do sector, como patróns maiores de confrarías, traballadores e traballadoras da pesca e marisqueo, así como expertos técnicos na materia.

O evento, que tivo lugar este sábado 18 de outubro no Salón do Bitácora no Ézaro (Dumbría), serviu para analizar as principais problemáticas do mundo do mar na comarca, ademais de afondar en propostas e posíbeis solucións para o sector, que leva anos sufrindo os embates das políticas das diferentes administracións públicas.

A formación nacionalista sinalou a boa acollida das xornadas, que xuntaron a máis de medio cento de persoas entre o público, e que foron presentadas por Bieito Lobeira, membro da Executiva Nacional do BNG; Rosana Pérez, deputada de Mar do BNG no Parlamento galego; e Xurxo Rodríguez, responsábel comarcal do BNG Costa da Morte. 

“Destacamos a dinámica positiva na xornada; os participantes pediron continuidade para seguir facendo foros que sirvan para seguir analizando o mundo do mar e dos seus profesionais”, subliñaron desde o BNG comarcal, que cre necesario atopar camiños que contribúan a resolver os problemas que a xente do sector expuxo no evento celebrado no Ézaro.

O grupo nacionalista avanzou que os participantes nas xornadas concluíron que a pesca e marisqueo necesitan gañar representación en diferentes organismos para que sexan recoñecidos os dereitos dos e das profesionais do mar. Ademais, dedtacou que actualmente as confrarías e as súas federacións - sobre todo estas últimas - non están trasladando a información nin exercen a representación dunha maneira adecuada, polo que ven primordial cambiar esta situación buscando fórmulas nas que a xente que traballa no mar se vexa de verdade representada nas entidades que toman as decisións.

Salientouse, así mesmo, que a conexión entre o sector científico e pesqueiro “está rota, debido á toma de decisións políticas equivocadas, sendo necesario crear entidades comúns que supoñan unha colaboración directa”.

Primitivo Pedrosa, mariñeiro e presidente de artes menores da Confraría de Muros, afirmou, logo de participar na xornada, que “o interese da clase política gobernante para o medio mariño non pasa polo sector pesqueiro e marisqueiro da nosa costa, así que temos que traballar para que esta tendencia cambie”. Sinalou que a lentitude en resultados de probas, a mala adaptación das vedas, a tardanza en resolver propostas do sector,  o desmantelamento de servizos como o ISM ou de entidades que dan os cursos, “tradúcese nunha carga económica para os produtores, algo que non é xusto”.

“O exceso de burocracia é un dos grandes escollos para o cambio xeracional; debería de existir unha figura de aprendiz para poder dar os primeiros pasos”, manifestou Pedrosa, que tamén é dirixente do BNG de Carnota. Criticou o sistema de cotas de capturas de diferentes especies, que “está pensado para a gran industria pesqueira e aplícano tamén na pesca artesanal, o que supón unha lousa moi pesada; temos que traballar por un marco lexislativo distinto que reflexe as necesidades da xente que vive do mundo do pesca”. 

Rosana Pérez, Bieito Lobeira e Xurxo Rodríguez foron os encargados de presentar as xornadas
Rosana Pérez, Bieito Lobeira e Xurxo Rodríguez foron os encargados de presentar as xornadas

Tres mesas de traballo
O BNG destacou que nas xornadas desenvolvéronse tres mesas, nas que os invitados foron expoñendo as súas ideas. A primeira tratou sobre o “Análise da problemática do sector pesca na Costa da Morte”, e nela participaron Joaquín Fábregas, Patrón Maior da Confraría de Fisterra; Iago Saboril, patrón de embarcación do palangre de Fisterra;  e José Manuel Caamaño, patrón de embarcación de artes menores de Lira.
 
Na segunda mesa, que analizou a “Problemática dos recursos específicos na Costa da Morte”, contouse coa presenza de Xosé Xoán Bermúdez,  Patrón Maior da Confraría de Camelle; Jacqueline Lista,  mariscadora e presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Camariñas; Santiago Pérez,  percebeiro e presidente da Asociación de Profesionais "Percebe da Barca" de Muxía; e Jacobo Louzán, mergullador da navalla e recolector de ourizos de Fisterra.

Por último, as propostas e conclusións protagonizaron a terceira mesa, na que os protagonistas foron Francisco Javier Varela Castro, secretario da Confraría de Malpica; Pablo Pita, científico do CICA da Universidade da Coruña; Primitivo Pedrosa, presidente de artes menores da Confraría de Muros; e Javier García Galdo, biólogo mariño e director técnico nunha empresa do sector.

Satisfacción pola boa acollida das “Xornadas do Mar” organizadas polo BNG, que afondaron nas problemáticas e propostas para o sector na Costa da Morte