O BNG PRESENTA MOCIÓNS NOS CONCELLOS DA COSTA DA MORTE PARA O O REMATE DA AUTOVÍA ATÉ CEE

O pasado venres, a deputada Ana Pontón e o responsábel comarcal do Bng, Serxio Domínguez Louro, daban unha rolda de prensa en Corcubión para tratar, polo miúdo, todo o que está a acaecer coa autovía Costa da Morte.
Ana Pontón destacou que o informe dos Servizos xurídicos do propio Parlamento recoñece a ilegalidade da modificación iniciada polo Goberno galego sobre o contrato, ao que sumou a ausencia dun informe rigoroso da Xunta que xustifique que seis millóns de euros eviten a quebra económica da Xunta, tentan convencernos da súa situación boiante e que estamos saíndo da crise.
Parécenos moi grave pagar tres veces máis do custe dunha autovía na que a Xunta non está a defender o interese xeral que sería dotar de infraestruturas modernas a Costa da Morte para favorecer o seu desenvolvemento e non ao ditado dunha construtora que ademais parte aparece na trama Gürttel.
A deputada reclamou a copia integra do expediente e preguntou que ten que ocultar o Partido popular para que o BNG non poida acceder a esa documentación. Si nos vai dicir que vaiamos á Xunta para consultar expedientes parciais, dixo, non nos vale, porque temos dereito a copia íntegra dos expedientes.
A Xunta recoñece que permitíu a paralización das obras.
O director Xeral da Axencia galega de Infraestruturas, Francisco Menendez comprometeuse a remitir os expedientes e defendeu á xestión da Xunta alegando que non se produciu ningún incumprimento nos prazos da execución obras porque a Xunta autorizou a paralización das obras, polo tanto, non hai penalidades neste contrato. Non é posible rescindir o contrato e executar a autovía porque implicaría o pagamento dunha responsabilidade patrimonial de 40 millóns de euros cantidade investida ata este momento.
A deputada do BNG afirma que este dato é moi relevante porque pon de manifesto que a Xunta ocultou esta paralización durante os últimos meses e preguntou en que momentos se produciu esta suspensión.
Pontón lembrou que o BNG denunciou a ilegalidade de contratos que agora son investigados pola Xustiza na Operación Zeta mentres a Xunta o negaba o que nos leva a pensar que o Partido popular carece de credibilidade tamén neste asunto. Hai unha evidencia, afirmou, a Xunta non aplicou as penalidades incluídas no contrato coa concesionaria da Costa da Morte e neste caso o PP e a Xunta incumpren de maneira flagrante o seu compromiso cos veciños e veciñas da Costa da Morte.
Pola súa parte, o responsábel comarcal anunciou a presentación de mocións en todos os concellos para tratar que a Xunta deixe de enganar aos habitantes da Costa da Morte con falsas promesas, e que retome a idea inicial que saiu da catástrofe do Prestige, a de vertebrar a bisbarra cunha vía de comunicación que unira Fisterra coa Coruña.
Evidentemente, isto deixa as claras que a autovía até Baio é insuficiente, o imprescindíbel é, como mínimo, chegar con ela até Berdoias e unir esta con Cee con un corredor, sen esquecer a bifurcación pendente ao porto de Brens, imprescindíbel para o desenrolo industrial e mercantil da comarca.
Cee, a 22 de Decembro de 2014
Serxio Domínguez Louro