BNG COSTA DA MORTE

O BNG chama á Costa da Morte a mobilizarse o 26 de outubro para esixirlle o remate da autovía á Xunta de Rueda

Oscar comisión 4-10-24
Oscar Insua no Parlamento galego 4-10-24

O deputado da Costa da Morte, Oscar Insua, asegura que a debilidade que amosa o PP ao mentirlles vaise atopar coa fortaleza de toda a comarca

O BNG chama á Costa da Morte a mobilizarse o 26 de outubro para esixirlle o remate da autovía á Xunta de Rueda

Santiago de Compostela, 4 de setembro 2024. O deputado Oscar Insua chamou este venres á Costa da Morte a participar nunha andaina entre Berdoias e Cee o vindeiro 26 de outubro para reclamarlle ao Executivo de Alfonso Rueda o remate da autovía AG-55. E asegurou que as mentiras do PP e a debilidade que amosa, “vaise atopar coa fortaleza de toda a comarca”.

Insua preguntou no Parlamento ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez cando se van licitar as obras para executar a fase da autovía A-55 entre Salto e Berdoias coa partida de dous millóns de euros establecida nos orzamentos deste. Lonxe de contestar, “o silencio do PP segue resoando no Faro de Fisterra”, afirmou o deputado nacionalista.

“Teña a valentía de dicirlles aos veciños e veciñas da Costa da Morte se imos ter autovía si ou non”, retou, despois de que o director de AXI tampouco aclarase se se ía facer un corredor, como transcendeu na última na que Insua recriminara a ausencia da deputada popular de Camariñas, Paula Mozo, “que tampouco deu a cara pola veciñanza” este venres”.

“Non queremos máis enganos. Isto é unha auténtica aldraxe á nosa comarca”, afirmou, despois de recordar as promesas electorais onde o PP aseguraba que se ía facer a autovía. “E agora vostede aínda non se atreveu a dicir que nos van facer, é unha autovía ou un corredor,  pode aclaralo?, preguntou.

O deputado nacionalista amosou a súa sorpresa diante da afirmación do director da AXI de que o proxecto da autovía se sometera a información pública o 21 de febreiro de 2020, uns días antes de que se declarase o confinamento pola emerxencia sanitaria da Covid 19.  “É indecente, unha infamia e unha inmoralidade que o PP aproveitase a pandemia, xusto no inicio, para furtarlle á Costa da Morte unha autovía, en pleno estado de alarma, e para que ninguén presentase alegacións ao proxecto. É incrible ata que punto de perversidade pode chegar o PP para aprobar un proxecto a costas de toda unha comarca que leva esperando unha autovía dende hai 20 anos”, considerou.

Ao deputado tamén lle pareceu “un escándalo” que o PP afirme que as infraestruturas  se teñen que adaptar ao tráfico. “Vostede sabe canta xente emigrou da Costa da Morte nos últimos 20 anos?; A metade da poboación, 20.000 persoas están vivindo fóra da Costa da Morte Vostedes que queren? Deixar de facer infraestruturas e que teñamos camiños de carros porque non hai xente?” espetou, para advertir que, dese xeito, “imos quedar totalmente despoboados”. Asegurou que precisamente as infraestruturas se fan para desenvolver economicamente as comarcas, sobre todo “as que están máis olvidadas coma a nosa”. 

Recriminoulle ao director da AXI que dixese que non hai fondos Next Generation, porque a AG-55 “tiña que estar rematada antes da pandemia”, despois de máis de 20 anos o Goberno do Estado e da Xunta llo prometese á veciñanza da Costa da Morte.   

Por último, Insua apuntou que tanto a consellería como a axencia “están a tempo de modificar calquera proxecto que non sexa para facer unha autovía, porque hoxe quedou claro que a consellería non ten previsto comezar nin este ano, nin os vindeiros o remate da AG-55 na Costa da Morte”, rematou.

 

O BNG chama á Costa da Morte a mobilizarse o 26 de outubro para esixirlle o remate da autovía á Xunta de Rueda