BNG COSTA DA MORTE
O BNG e a Federación de ANPAS Costa da Morte coinciden en seguir reclamando máis profesorado e coidadores nos centros de ensino
O deputado Oscar Insua sinala que o BNG apoiará e estará nas concentracións de protestas das ANPAS, como a do centro Vila de Cee, para esixir cubrir as prazas de profesorado que o PP recortou este curso
O BNG comprometeuse a presentar unha iniciativa no Parlamento galego para eliminar a norma que permite que os autobuses poidan levar a alumnos e alumnas de pé nos traxectos escolares, situación que preocupa moito aos pais e nais
Costa da Morte, 9 de outubro de 2024. O deputado do BNG da Costa da Morte no Parlamento galego, Oscar Insua, xunto cos concelleiros do grupo municipal nacionalista de Cee, Serxio Domínguez e Montserrat Canosa, reuníronse este martes 8 de outubro coa presidenta da Federación provincial de ANPAS Costa da Morte, Maika Cacheiro Lado, e membros da directiva, para valorar os escasos avances nas demandas nos centros educativos da comarca e estudar as deficiencias que seguen sen solucionarse, como a eliminación dun PT no colexio “Vila de Cee”, razón pola que chamaron a concentrarse este xoves 10 na vila ceense . Desde a federación mostráronse preocupados non só polos recortes de profesores respecto do ano pasado, senón pola falta de contratación de máis profesores de apoio para compensar as dúas horas de redución da xornada semanal do profesorado.
Na xuntanza tamén trataron a preocupación polos problemas no transporte escolar na Costa da Morte, dos cales o BNG xa ten presentada unha iniciativa no Parlamento galego. Seguen os problemas nos buses de Fisterra e Mazaricos, que teñen horarios non adaptados á xornada escolar, motivo polo que os escolares teñen que saír antes do remate das clases para non perder o bus, ou directamente seguen sen ter liña de transporte os martes e xoves, como no caso do alumnado mazaricano.
O BNG comprometeuse a presentar unha iniciativa no parlamento para eliminar a norma que permite que os autobuses poidan levar a alumnos e alumnas de pé nos traxectos escolares, “unha situación que preocupa moito aos pais e nais, que non entenden como a Xunta segue autorizando unha medida que resulta perigosa, que é insensata e a todas luces temeraria”.
Pola súa banda, Oscar Insua afirmou que “o BNG apoiará e estará nas concentracións de protestas das ANPAS, como a do centro Vila de Cee, para esixir cubrir as prazas de profesorado que o PP recortou este curso; é necesario que cubran a praza de PT que eliminaron e que fan moita falla para o alumnado que ten necesidades específicas”.
Respecto ao transporte escolar , o deputado nacionalista sinalou que “non é normal que a Xunta permita os alumnos e alumnas poidan ir de pé nos autobuses”, e preguntouse “que sentido ten poñer o cinto de seguridade nos asentos, se o PP permite que vaian sen el de pe?”. Insua cualificou a medida como “irracional” e anunciou que van a presentar unha iniciativa parlamentar “para eliminar esa orde da Consellaría e darlle máis seguridade aos rapaces e sobre todo, tranquilidade aos seus pais e nais”.