BNG COSTA DA MORTE

O BNG pide á Xunta a inclusión do mergullo con subministración de aire para a extracción de ameixa na praia da Langosteira

Reunión con mariscadores de Fisterra
Reunión do BNG con mariscadores de Fisterra

O deputado Oscar Insua, tras reunirse cos mariscadores de Fisterra, sinala que “os que coñecen o mar son os que están nel todos os días. Se os que están decidindo sentados na Xunta tiveran que coller o raño nesa zona, con  dez ou quince metros de auga, cambiarían de opinión en segundos”

O BNG pide á Xunta a inclusión do mergullo con subministración de aire para a extracción de ameixa na praia da Langosteira

Costa da Morte, 15 de novembro de 2024. O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta de Galiza inclúa o mergullo con subministración con aire desde superficie como unha das técnicas autorizadas para a extracción de ameixa na praia da Langosteira, modificando o decreto que regula as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma galega.

Tras manter unha xuntanza con mariscadores de Fisterra para recoller as súas inquedanzas, á que tamén asistiron a concelleira do BNG de Fisterra, Tereixa Fernández, o responsábel local, Cholo Mouzo, e Primitivo Pedrosa, da comisión de pesca do BNG, o deputado nacionalista tamén solicitou nas propostas parlamentarias a modificación provisional do plan de explotación PE403A 2023/1-1, cualificándoo como experimental, e incluír no mesmo como artes a empregar xunto a do raño, a de mergullo con subministración de aire en superficie, así como que se estableza que cada agrupación de mariscadores a flote decida en cada resolución de aperturas a arte ou técnica de extracción a empregar, sexa raño ou mergullo, de forma que non se poidan combinar ambas técnicas durante unha mesma xornada de extracción.

Desde o BNG indicaron que a Confraría de Pescadores de Fisterra solicitou hai meses á Consellería do Mar, á petición da agrupación de mariscadores, a modificación do Decreto 15/2011 que regula as artes e técnicas permitidas para extraer bivalvos, sen que de momento haxa resposta por parte da Xunta. Oscar Insua manifestou que “esperamos que o PP sexa sensato e acceda a solucionar unha vella petición dos mariscadores. Non é un capricho, traballar cun raño coa ameixa a máis de dez metros provócalles moitas lesións e non poden estar de baixa médica cada dúas por tres, porque así a actividade faise pouco viable”.

O BNG pide á Xunta a inclusión do mergullo con subministración de aire para a extracción de ameixa na praia da Langosteira