BNG COSTA DA MORTE
O BNG denuncia o abandono da comarca ao rexeitar o PP todas as súas propostas de futuro
O responsábel comarcal, Xurxo Rodríguez, afirma que “as emendas do BNG, que apostan polo desenvolvemento económico e industrial da Costa da Morte, foron rexeitadas polo rodillo do PP, que só aspira a despoboar a comarca e a que sigamos emigrando".
Costa da Morte, 22 de decembro de 2024. O BNG vén de denunciar o abandono da Costa da Morte por parte do PP logo de que os populares rexeitaran no Parlamento galego todas as emendas presentadas polos nacionalistas aos orzamentos da Xunta para 2025, e que teñen que ver con diversas actuacións e melloras para a comarca.
Entre as propostas presentadas polo BNG destacan a do remate da autovía da Costa da Morte, con conexións ao polígono de Vimianzo e Cee, así como o enlace do peirao de Brens co parque empresarial ceense. Diversas melloras na sanidade pública e dotación de persoal para o hospital comarcal “Virxe da Xunqueira” centran outra das emendas, que iría acompañada dunha inversión de 2’5 millóns de euros.
A formación nacionalista propuxo ademais a reparación e mantemento en profundidade dos portos de Camelle, Camariñas e Muxía, e actuacións para a mellora integral da área portuaria de Fisterra. Todo elo por unha contía de 2’3 millóns de euros. O saneamento integral da ría de Corcubión e a posta en funcionamento do centro de día público na vila de San Marcos foron parte tamén das emendas aos orzamentos presentadas polo BNG, así como o saneamento integral da parroquia de Lariño (carnota) e o proxecto de reforma do edificio e exteriores do CEIP Carnota.
O responsábel comarcal do BNG Costa da Morte, Xurxo Rodríguez, manifestou que “as emendas do BNG, que apostaban polo desenvolvemento económico e industrial da Costa da Morte, foron rexeitadas polo rodillo do PP, que só aspira a despoboar a comarca e a que sigamos emigrando".
O portavoz nacionalista subliñou que “o BNG seguirá defendendo os investimentos na zona, como o remate da autovía, peza fundamental para o noso futuro, pese ao ninguneo e o silencio do PP aquí na comarca".