BNG COSTA DA MORTE
O BNG insiste en reclamar máis medios para a vixilancia aduaneira na Costa da Morte

O responsábel comarcal dos nacionalistas, Xurxo Rodríguez, afirma que “se hai verdadeira vontade de loitar contra o narcotráfico, na Costa da Morte temos que contar cunha base permanente do SVA, e Camariñas sería o lugar idóneo para esta infraestrutura”
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta iniciativas esixindo un tratamento específico para a Costa da Morte que garanta que se poida desenvolver o labor do SVA de forma adecuada e permanente
Costa da Morte, 27 de febreiro de 2025. O BNG volve a insistir na necesidade de que na Costa da Morte existan máis medios de vixilancia aduaneira, logo de que xa denunciara en reiteradas ocasións a precariedade deste servizo na comarca, que permanece en grande parte sen cobertura e deixando tramos estratéxicos sen a vixilancia axeitada a pesar da súa relevancia na loita contra o narcotráfico e outras actividades ilícitas.
Os nacionalistas lembraron que a semana pasada rexistraron varias iniciativas no Parlamento galego, a través do deputado Oscar Insua, reclamando unha base permanente do SVA para a Costa da Morte. E avanzaron que o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de demandar en Madrid un tratamento específico para a Costa da Morte que garanta que se poida desenvolver o labor de vixilancia aduaneira de forma adecuada e permanente.
O responsábel comarcal do BNG Costa da Morte, Xurxo Rodríguez Baña, afirmou que “se hai verdadeira vontade de loitar contra o narcotráfico, na Costa da Morte temos que contar cunha base permanente do SVA, que é unha demanda histórica e existe un clamor na sociedade para que as autoridades accedan ás nosas reclamacións”.
Rodríguez Baña, que tamén é voceiro municipal do BNG de Camariñas, sinalou que a vila do Encaixe sería o lugar idóneo para esta infraestrutura “pola súa situación estratéxica e polas instalacións portuarias coas que conta”. O representante nacionalista subliñou que “actualmente precísanse máis de tres horas para chegar á nosa zona dende as bases que quedan máis cerca, Muros ou A Coruña, polo que é fundamental que teñamos medios propios na nosa comarca”.