BNG COSTA DA MORTE

O BNG reclama á Xunta que provea a praza de pediatra e o seu servizo de enfermería no centro de saúde de Carnota

Reunión do BNG con nais de crianzas afectadas
Reunión do BNG con nais de crianzas afectadas
O deputado Oscar Insua manifesta que “as nais e pais de Carnota están preocupados e fartos dos recortes sanitarios e queren solucionar este problema canto antes. Imos mobilizar a cidadanía porque e a única maneira de que a Xunta gobernada polo PP mova un dedo”
O BNG reclama á Xunta que provea a praza de pediatra e o seu servizo de enfermería no centro de saúde de Carnota

Costa da Morte, 21 de marzo de 2025. O BNG da Costa da Morte, a través do deputado Oscar Insua, presentou iniciativas no Parlamento galego para reclamar ao Sergas que provea a praza de pediatría no centro de saúde de Carnota de forma urxente, cun profesional médico especialista, así como a restablecer o servizo de enfermería pediátrica. Desde hai case un ano, os pais e nais de Carnota veñen denunciando a falla do servizo médico de pediatría no municipio, sen que a día de hoxe se cubrira dita praza pola Consellaría de Sanidade do Partido Popular, que está compartida co concello de Muros e que acudía ao mesmo os luns, mércores e venres de 8:30h a 12:00 h. 

Oscar Insua e o vicerresponsábel local do BNG de Carnota, Primitivo Pedrosa, acompañados doutros membros da formación nacionalista no municipio, reuníronse este xoves 20 de marzo con familias de Carnota afectadas, que insistiron en que a situación, lonxe de solucionarse, agravouse ao coñecerse a semana pasada un novo recorte nos servizos sanitarios, pois veñen de quedar sen enfermería pediátrica dende o 10 de marzo. Un servizo que atendía as revisións de idade, curas e vacinas dos nenos e nenas en idade infantil.

O BNG de Carnota anunciou que xa leva recollida case mil sinaturas entre a veciñanza para demandar ao Sergas o restabelecemento inmediato do servizo pediátrico no municipio, e indicou que continúa coa campaña de firmas.

Pola súa banda, Primitivo Pedrosa manifestou que “cada día o Partido Popular alí onde goberna recorta máis e máis os servizos públicos, como os da sanidade en Carnota. A este paso imos quedar catro neste pobo, porque a xente marcha para onde hai servizos". 

Pedrosa reprochou ao PP que “despois din que se preocupan polo descenso demográfico...mais ben penso que eliminando servizos como o pediatra fan todo o contrario; dende o BNG imos apoiar aos pais e nais nesta reivindicación que ademais de xusta é necesaria”.

O BNG reclama á Xunta que provea a praza de pediatra e o seu servizo de enfermería no centro de saúde de Carnota