BNG COSTA DA MORTE

BNG pide incluír o mergullo con subministración con aire dende superficie para a extracción de ameixa en Fisterra

Oscar Insua en comisión parlamentaria 21-01-25
Oscar Insua en comisión parlamentaria 21-01-25

O BNG demandou a modificación do decreto, como levan demandando os mariscadores dende hai anos e como fixo a Confraría de Pescadores de Fisterra hai uns meses

Oscar Insua solicitou establecer que cada agrupación de mariscadores a flote, decida en cada resolución de aperturas a arte ou técnica de extracción a empregar (raño ou mergullo)

“Estades acabando co sector marisqueiro”, advertiu o deputado

 


BNG pide incluír o mergullo con subministración con aire dende superficie para a extracción de ameixa en Fisterra

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2025. O deputado nacionalista Oscar Insua reclamou esta mañá na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, modificar o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos, e desta forma incluír o mergullo con subministración con aire dende superficie como unha das técnicas autorizadas para a extracción de ameixa en Fisterra.

“Os mergulladores de Fisterra levan anos solicitando á Consellería do Mar a aprobación dun plan experimental de explotación para mariscar a ameixa na praia da Langosteira co sistema de subministración de aire dende superficie” subliñou Insua. Hoxe o plan de explotación en Fisterra existente para moluscos bivalvos é o PE403A 2023/1-1, para os Bancos infralitorais da praia de Langosteira e para coller a ameixa babosa, rubia, cornicha e ameixón, “máis só coa modalidade de embarcación coa arte do Raño” apuntou. 

O deputado do BNG advertiu que esta arte do raño e segundo manifestan os mariscadores, “provoca a moi curto prazo lesións musculares de todo tipo, dende tendinites a dislocacións, dores de costas, cervicais, ombros e pulsos, etc. polo que provoca un número alto de baixas médicas, paralizándose a actividade”. Oscar Insua explicou que isto prodúcese porque a diferencia do que ocorre noutras zonas onde se explota co raño, no caso da praia da Langosteira, “os recursos marisqueiros encontrase a moita máis profundidade”, chegando a superar os dez e quince metros, ademais de que o substrato da costa non é igual en todos as subzonas, o que se fai mais complicado o manexo dos aparellos e implica un maior esforzo que se estiveran entre dous e catro metros, de aí que só o ano pasado fora só unha embarcación a que participou neste plan de explotación.

“Aquí fai falta menos Sabor a Mar e máis Saber de mar!” sinalou o deputado nacionalista que lle lembrou ao goberno do PP que esta modificación é unha petición dos propios mariscadores, “porque aquí os que saben, os que saben do mar, os que saben que hai que facer, como se ten que facer o traballo, os que saben como son as condiciones de seguridade na extracción, son os que se xogan todos os días o pelexo para poñer e ter un salario nas mesas de todos os galegos e as galegas”.

A técnica de mergullo con subministración de aire, ademais de evitar todo tipo de lesións musculares, “é óptima para realizar unha explotación respectuosa coa biodiversidade do medio mariño”, xa que permite escoller in situ só os moluscos que “dan a talla, evita a sobreexplotación nas subzonas do plan, e por suposto axuda a controlar e solucionar mellor os problemas que se perciben no propio medio” sinalou.

Petición da Confraría de Fisterra

Oscar Insua lembrou que hai uns meses que a Confraría de Pescadores de Fisterra solicitou á Consellería do Mar a petición da agrupación de mariscadores á flote e recursos específicos, ante a posibilidade que se formulaba sobre a modificación deste decreto, “que se recollese o mergullo con subministración con aire dende superficie como unha das técnicas autorizadas para a extracción de moluscos de bivalvos”, e que cada agrupación de mariscadores a flote, “decida en cada resolución de aperturas a arte ou técnica de extracción a empregar” (raño ou mergullo), de forma que non se poidan combinar ambas técnicas durante unha mesma xornada de extracción.

A iniciativa do BNG para incluír o mergullo con subministración con aire dende superficie para a extracción de moluscos bivalvos non saíu adiante cos votos en contra do PP. “Só hai que modificar o decreto, e vostedes que son expertos en modificar a normativa a través de medidas fiscais e administrativas, por que non modifican este decreto e permiten tamén modificar o plan de xestión?” concluíu Insua.

BNG pide incluír o mergullo con subministración con aire dende superficie para a extracción de ameixa en Fisterra