BNG COSTA DA MORTE

Oscar Insua acada o compromiso de Patrimonio de estudar as deficiencias da igrexa de San Marcos en xaneiro

Oscar Insua
Oscar Insua

O deputado nacionalista reuniuse no día de onte, tras meses de espera, coa Directora Xeral de Patrimonio para abordar a problemática do templo, e sinalou que “é preciso facer un estudo exhaustivo canto antes, para detectar todas as humidades e as filtracións de auga no tellado da igrexa”

Oscar Insua acada o compromiso de Patrimonio de estudar as deficiencias da igrexa de San Marcos en xaneiro

O deputado do BNG da Costa da Morte acadou o compromiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de estudar en xaneiro de 2025 as deficiencias que presenta a igrexa de San Marcos de Corcubión, tras manter unha xuntanza este luns 16 de decembro coa Directora Xeral, María del Carmen Martínez, xunto con técnicos do departamento.

Logo de recoller as inquedanzas da veciñanza da parroquia de San Marcos, o representante nacionalista trasladou a Martínez que o templo presenta problemas de filtracións nas cubertas e de humidades nos seus muros, e que afectan entre outros á maquinaria do reloxo da fachada, fabricado nos talleres de Odobey a principios do século pasado, un dos mellores reloxeiros de Francia, e ao patrimonio escultórico.

Igrexa de San Marcos de Corcubión
Igrexa de San Marcos de Corcubión

Desde o BNG lembraron que Oscar Insua xa presentou en xullo deste ano unha iniciativa no Parlamento Galego na que instaba á Xunta de Galiza a realizar un estudo para avaliar as deficiencias na Igrexa de San Marcos, así como a redactar o proxecto de rehabilitación e financiar as obras de reparación que sexan necesarias.

O deputado corcubionés manifestou que “a Dirección Xeral de Patrimonio foi receptiva, e comprometéronse a enviar aos técnicos de patrimonio en xaneiro para realizar unha avaliación actualizada das humidades e filtracións da igrexa e estudar as obras a realizar”, e declarou que “trasladeille a importancia de acometer os estudos canto antes, para evitar o deterioro dos elementos patrimoniais protexidos, como o reloxo da fachada, antes de que teñamos que lamentar perdas irreparables”.

Oscar Insua acada o compromiso de Patrimonio de estudar as deficiencias da igrexa de San Marcos en xaneiro